Formación

A Escola Internacional de Doutoramento (EIDUDC) oferta actividades de formación e desenvolvemento especificamente dirixidas a estudantes de doutoramento. Esta oferta é unha ferramenta fundamental no desenvolvemento da estratexia da Escola.

A planificación da oferta formativa busca cubrir varias frontes. Por unha banda, proporcionar aos novos estudantes de doutoramento unha visión xeral da organización e funcionamento destes estudos. Os estudos de doutoramento seguen unha dinámica e unha normativa diferentes da doutros niveis universitarios (grado e mestrado) polo que é aconsellable orientar aos estudantes de novo ingreso nas súas peculiaridades. Por outra banda, tamén se ofrecen actividades dirixidas a estudantes de doutoramento de calquera ano co fin de reforzar as súas competencias e capacidades. Dado o carácter multidisciplinar da EIDUDC, esta oferta é necesariamente transversal de xeito que resulte útil e atractiva ao maior número posible de estudantes con independencia do programa de doutoramento que cursen. Finalmente, a oferta formativa inclúe a organización de actividades e xornadas pensadas principalmente para estudantes que están próximos a rematar os seus estudos co fin de axudarlles na súa futura etapa posdoutoral.