Procedemento xeral de solicitudes de admisión

A solicitude de admisión nos estudos de doutoramento realizarase nos sucesivos prazos que aproba o Consello de Goberno da UDC.

A solicitude de admisión a un programa de doutoramento realizarase a través da secretaría virtual, achegando a documentación acreditativa de reunir os requisitos de acceso.

A documentación acreditativa deberá entregarse na Unidade de Apoio a Departamentos e Investigación (UADI) do centro ao que está adscrito o programa de doutoramento, dirixida ao/á coordinador/a do programa de doutoramento, e deberá conter necesariamente:

  • Copia do DNI ou pasaporte.
  • Copia cotexada dos títulos universitarios oficiais que dean acceso os estudos de doutoramento.
  • Certificación académica oficial dos estudos cursados.
  • Se é o caso, certificación do órgano competente de ter obtida a avaliación positiva de formación sanitaria especializada, polo menos de dous anos nun programa para a obtención do título oficial dalgunha das especialidades en ciencias da saúde.

No caso de solicitudes de persoas con títulos académicos estranxeiros do EEES, a documentación (titulación universitaria que da acceso aos estudos de doutoramento e certificación académica oficial dos estudos cursados) deberá estar traducida a calquera das dúas linguas oficiais na UDC (galego ou castelán).