Procedemento de solicitude de admisión de alumnado cun título estranxeiro alleo ao EEES non homologado

No caso de alumnado que pretenda acceder a un programa de doutoramento e que estean en posesión dun título estranxeiro non homologado conforme a sistemas educativos alleos ao EEES, poderán solicitar a admisión nos estudos de doutoramento sempre que se acrediten un nivel de formación equivalente a do título español de mestrado universitario oficial e que faculte no país expedidor do título para o acceso a estudos de doutoramento. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo nin o recoñecemento a outros efectos que os de acceso a estas ensinanzas.

A solicitude de admisión realizarase a través da secretaría virtual do estudante, e deben presentar xunto coa solicitude de admisión unha “solicitude de equivalencia”  na Unidade de Apoio a Departamentos e Investigación (UADI) do centro ao que estea adscrito o programa de doutoramento. O alumnado poderá matricularse sen esperar a resolución de equivalencia pero a súa matrícula quedará condicionada a que esta sexa favorable.

A solicitude de equivalencia aos correspondentes títulos españois, deberá dirixirse ao reitor da universidade e presentarase na UADI do centro ao que está adscrito o programa de doutoramento. A Comisión Académica do Programa de Doutoramento emitirá un informe sobre a adecuación académica dos estudos cursados e tras considerar se acredita un nivel de formación equivalente ao de mestrado universitario informará sobre a posibilidade de acceso aos estudos de doutoramento correspondentes. Este informe remitirase á Sección de Estudos de Doutoramento xunto coa documentación presentada polo/a interesado/a.

Para os efectos de procedemento, a solicitude dirixida ao reitor deberá ir acompañada da documentación que se relaciona que deberá presentarse debidamente legalizada, ou coa Apostila da Haia. No caso de presentar os orixinais, a universidade quedará con copias cotexadas; para o caso de entrega de fotocopias sen ensinar os orixinais, estás deben de vir autentificadas polos servizos consulares ou embaixadas españolas e no caso de non ser o idioma de orixe calquera dos oficiais da UDC, deberase acompañar tamén unha tradución legalizada.

Documentación que se debe de achegar coa solicitude de equivalencia:

a) DNI ou Pasaporte en vigor
b) Título/s co/s que se accede ao doutoramento
c) Certificado académico en que consten as materias superadas, a carga horaria de cada unha delas e os períodos académicos cursados. Se o certificado expresa a carga horaria das materias en créditos, debe de acompañarse da equivalencia dese créditos a horas lectivas teóricas ou prácticas.
d) Documento que acredite que o(s) seu(s) título(s) facultan no país expedidor o acceso aos estudos de doutoramento.
e) Ter realizado o pagamento da taxa de solicitude de equivalencia de estudos estranxeiros.