Investigación e parque tecnolóxico

Investigación

A Universidade da Coruña ten na investigación un dos seus piares fundamentais, por un lado, como soporte dunha docencia de maior calidade e competitividade e, polo outro, como forma de lle devolver progreso á sociedade de que se nutre. Un total de 1.252 investigadores encárganse de contribuír ao avance do saber nas distintas áreas científico-técnicas: enxeñaría civil, enxeñaría industrial e naval, electrónica e electricidade, ciencia de materiais, arquitectura e edificación, tecnoloxía da información e as comunicacións, ciencias ambientais, tecnoloxías e recursos mariños, ciencias da saúde, biotecnoloxía, ciencias xurídico-sociais e ciencias humanísticas.

Estes expertos conforman un importante catálogo de investigadores, xa sexa aglutinados en grupos, xa en unidades de xeito individual, de moi alto nivel, distribuídos na rede de laboratorios situados nos centros e nas facultades, así como nos institutos universitarios de investigación e no Edificio de Servizos Centrais de Investigación, no campus de Elviña.

A canle que difunde este coñecemento entre a sociedade é a Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) que actúa de mecanismo de transmisión entre o persoal investigador universitario e a demanda empresarial, á vez que ten como misión coñecer as necesidades de investigación, de desenvolvemento e de innovación (I+D+i) do sector empresarial para lles dar solución aos seus requirimentos tecnolóxicos.

O parque tecnolóxico: o novo departamento de I+D+I das empresas

A Universidade da Coruña contribúe ao progreso e á innovación coa posta en marcha dun parque tecnolóxico que se converterá no departamento de I+D+i das empresas. O parque é un complexo conxunto de centros de investigación que se reparten entre os campus de Elviña e de Ferrol. Este proxecto, que xa é unha realidade apoiada de forma decidida tanto polas administracións públicas como polo sector empresarial, posibilitará o contacto directo entre a universidade e a empresa.

O parque consta dos seguintes centros tecnolóxicos:

  • Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil. Está dotado con tecnoloxía única en Europa. Acolle grupos de investigadores que estudan aspectos da construción, de enxeñarías hidráulicas e sanitaria, estruturas de portos e costas.
  • Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación. As súas instalacións acollen o Centro de Desenvolvemento de Software e grupos de investigación da Universidade e do sector empresarial especializados nas áreas da comunicación e a información.
  • Centro de Investigación Científicas Avanzadas. Acollerá os grupos de investigación da Universidade que traballaren en proxectos relacionados coa investigación da enerxía e dos recursos naturais.
  • Centro de Innovación Tecnolóxica para a Terceira Idade e Colectivos de Persoas Dependentes. Reunirase neste centro os especialistas que investigan na área de saúde da universidade, en concreto, aqueles que indagan nas innovacións tecnolóxicas para a terceira idade.
  • Centro Tecnolóxico do Téxtil Galego. A Universidade da Coruña creará no campus de Elviña un centro tecnolóxico do téxtil coa implicación de todas as empresas do sector de Galicia e a Consellería de Innovación e Industria. O obxectivo con que nace é o de converter este núcleo de investigación en referente internacional. O proxecto conta co apoio explícito da multinacional Inditex.
  • Centro Empresarial. A Universidade da Coruña ampliará con estas instalacións a capacidade do actual viveiro de empresas. Tamén ofrecerá locais para que as compañías poidan desenvolver accións tecnolóxicas.
  • Centro de Innovación Tecnolóxica (CIT). Mentres que os anteriores centros do parque tecnolóxico se sitúan no campus de Elviña, o CIT está situado no campus de Ferrol. Nos seus cinco laboratorios investíganse aspectos de mecánica de fluídos, polímeros, aplicacións industriais do láser, química e combustibles.

Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000