O compromiso da Universidade da Coruña co estudantado non remata na finalización dos seus estudos. Consciente da importancia da inserción laboral, tanto para a adquisición de experiencia como para a continuación da aprendizaxe, a UDC creou unha área específica para tratar a relación universidade-empresa, iniciativa case sen parangón en España. A súa finalidade é clara: apoiar o estudantado no seu tránsito das aulas ao emprego. Co fin de comprobar a eficacia deste tránsito, o Observatorio Ocupacional encárgase de analizar ano tras ano a empregabilidade do noso alumnado como un índice avaliador da planificación universitaria, así como da situación do mercado laboral nese momento.
O Servizo de Apoio ao Emprendedor e ao Emprego (SAEE) é unha iniciativa creada cunha dobre vertente de colaboración: orientación laboral e creación de empresas.
Servizo de Orientación Laboral
Como colaborador da rede de Orientación Laboral do Servizo Galego de Colocación, a súa función é orientar e informar os titulados e os estudantes sobre as súas saídas profesionais, así como a xestión de ofertas de emprego e de prácticas profesionais.
Servizo de Autoemprego
O seu obxectivo é axudar a poñer en práctica os proxectos empresariais do estudantado. O servizo facilita información acerca de como levar a cabo unha idea de negocio en canto á elección da forma xurídica, os trámites para a posta en marcha e a información sobre as posibilidades de financiamento, o que inclúe as posibles subvencións de que os emprendedores puideren ser beneficiarios.
Observatorio Ocupacional
É un servizo de investigación sobre as condicións de empregabilidade do alumnado titulado universitario. O centro ten como obxectivo potenciar a súa inserción laboral mediante a análise, o asesoramento e a interacción cos distintos axentes do mercado laboral.
Portal de emprego www.emprego.udc.es
Ferramenta web para a xestión das prácticas do alumnado en empresas. Os estudantes poden dar a coñecer as súas aptitudes e as empresas ofertar postos en prácticas. A UDC actúa como mediadora para facilitar o acceso ao eido profesional dos alumnos.
Viveiro de empresas de base tecnolóxica
O viveiro de empresas da Universidade da Coruña ten por obxecto prestarlles apoio a iniciativas empresariais de base tecnolóxica e favorecer así a súa posta en marcha e a entrada no mercado. Está destinado aos proxectos que partan da comunidade universitaria, xa sexan estudantes, persoal docente e investigador, ou persoal de administración e servizos.
Está situado no ESCI (Edificio de Servizos Centrais de Investigación) e dispón de seis locais de 21 metros cadrados cada un, equipados con acceso á rede de comunicacións. Tamén están ao dispor das persoas emprendedoras salas para presentacións e reunións e outros servizos comúns.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000