A educación, para a Universidade da Coruña, vai máis aló das aulas e dos laboratorios. Apostamos por todas aquelas iniciativas e actividades complementarias que leven o estudantado a se formar integralmente, a ser membro activo da cidadanía, a fortalecer tanto o seu gusto como a súa saúde, a ter criterio propio.
Teatro, cinema, danza contemporánea, música (clásica, pop, rock, hip hop...), literatura, pintura, pensamento... todas son manifestacións da vea artística que a UDC permite descubrir no seu alumnado.
Deporte: Na Universidade da Coruña existen as canles adecuadas para lle tirar partido, sexa cal for a súa preferencia, en actividades colectivas ou individuais, como mantemento físico ou como partícipe das ligas internas ou en competicións de alto nivel.
O enclave xeográfico da Universidade facilita o contacto co contorno natural para a práctica de deportes como a camiñada, o pontismo, o balsismo, as rutas a cabalo, a bicicleta de montaña, as actividades náuticas, así como a programación de excursións e saídas para a práctica de esquí no inverno.
Busca o teu xeito de expresión. Os límites polos ti.
www.extension.udc.es/ga
Música
A UDC facilita e promove a formación musical e a iniciación a este campo artístico dirixido, tanto ao alumnado universitario como ao resto da mocidade, coa nova Escola de Música complementaria á xa existente Orquestra de Cámara e ao programa de Ópera Aberta con retransmisións de pezas clásicas desde o Teatre Liceu de Barcelona en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera da Coruña. Tamén conta cun coro universitario de que pode formar parte tanto o alumnado como o persoal universitario. Cada ano vén celebrándose o Campus Rock, a fusión da Universidade coa música nova e alternativa que ten a súa extensión a nivel autonómico no Campus Son en que colaboran as tres universidades galegas.
Cinema e imaxe
O contacto coa imaxe plástica é outro dos importantes proxectos culturais que a Universidade leva a cabo. Organízanse e ofrécense distintos ciclos de cine ao longo do curso, así como seminarios e aulas de formación para as que se conta coa presenza de profesionais desta e doutras universidades en que se fala de temas como o cine dos 60, a homosexualidade no cinema ou o cine contemporáneo. Tamén está a disposición do estudantado unha videoteca que alberga unha imporante colección de producións audiovisuais.
Teatro
A Aula de Teatro está dirixida a toda a comunidade universitaria proporcionándolle unha formación nesta arte a distintos niveis. Están dispoñibles os cursos monográficos de interpretación, de voz, de maquillaxe, de mimo ou de contacontos, entre outros levados a cabo por profesionais do campo. Cada ano prepárase unha produción propia que leva ao grupo de xira ás citas teatrais doutras universidades españolas ou de fóra como é o caso da representación actual Ubú rei de Alfred Jarry. A UDC organiza cada primavera o Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña (FITEUC) en que actúa de anfitrioa doutras agrupacións.
Rutas culturais
Organízanse para o estudantado saídas programadas cara a destinos tan dispares entre si como as Illas Atlánticas, Madrid, Roma, Serra do Courel, ruta do Douro ou a primeira etapa da ruta cultural do Cid.
Aula de Letras
Autores e autoras de relevo, poetas, novelistas e ensaístas, do nivel de Rosa Regás, Antonio Gamoneda, Luísa Castro, Olvido García Valdés, Luis Sepúlveda, Manuel Rivas, Jorge Edwards, Teresa Moure, Antón Lopo... pasaron por esta aula para leren e comentaren en público as súas obras.
Aula de Prensa
O diálogo como arma creadora de opinión é o protagonista desta aula en que se manifestan as experiencias de cantos se interesaren polos medios de comunicación. O correspondente de guerra Jon Sistiaga, a xornalista Montserrat Domínguez, o valedor do pobo vasco Íñigo Lamarca, o xornalista de El País José Ramón Airiño ou o filósofo e columnista José Vidal Beneyto son só algúns dos nomes que estiveron presentes nas actividades desta aula.
Obradoiros
Unha enorme variedade de actividades organizadas en dúas quendas, correspondentes ao primeiro e ao segundo cuadrimestre, forman un interesante abano de opcións segundo os intereses do estudantado. Ioga, técnicas de voz, risoterapia, pintura, fotografía, monicreques ou mecánica básica do automóbil son exemplos de obradoiros ofertados pola Universidade coas novidades de malabares e percusión, danza do ventre ou aprender a mirar a arte.
Exposicións
O Pavillón de Estudantes configúrase como o punto onde lle botar unha ollada a outras realidades, que son a nosa propia vida, a través das mostras que alí se amosan. En exposicións como “En Transición” puidéronse ver adhesivos como forma de comunicación política; en “Eclipse”, contemplamos as viñetas de sátira social do humorista de El País El Roto, e en “25 anos de pop con Rne3” lembramos a movida musical dos últimos 25 anos en España.
Convivencia e exercicio físico é o binomio que a Universidade da Coruña propón desde a súa Área de Deportes como vía para a interrelación do estudantado e a súa implicación e integración na comunidade. Unha subscrición ao Abono Deporte permite ser usuario de todas as actividades e servizos, así como descontos en ximnasios, en tendas e en centros deportivos.
Competición
A nivel competitivo a Universidade da Coruña organiza ligas internas onde equipos de estudantes participan, durante o curso, en ligas de baloncesto, fútbol, fútbol sala, rugby, voleibol, pádel, tenis, bádminton, tenis de mesa, tiro con arco, xadrez e balonmán. Alén diso, estase a competir noutras ligas externas como os Xogos Galaico-Durienses, os campionatos de España universitarios ou os campionatos galegos universitarios como o de natación que se celebra anualmente.
Federación
Varias modalidades deportivas propias da Universidade como o rugby feminino ou o tiro con arco xa son equipos federados con que se conta dentro da Universidade.
Formación
A UDC tamén dispón dunha ampla oferta formativa en materia deportiva. Así, existen escolas de xadrez, rugby, bádminton, atletismo, tiro con arco, whu-shu, taekwondo, tai-chi, voleibol, fútbol sala feminino e hóckey feminino. Hai que engadir, tamén, cursos puntuais de tenis, de escalada, de carreiras de orientación, de capoeira ou de baile, e doutras actividades formativas como os cursos para adestradores de baloncesto e fútbol, monitor de tempo libre, mergullador ou patrón de embarcación de recreo.
Natureza e mar
O enclave xeográfico da Universidade facilita o contacto co contorno natural para a práctica de deportes como a camiñada, o pontismo, o balsismo, as rutas a cabalo, a bicicleta de montaña, as actividades náuticas, así como a programación de excursións e saídas para a práctica de esquí no inverno.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000