Bolsas e servizos

Matrícula

Para se matricular nunha titulación con límite de prazas dentro da Universidade da Coruña presentaranse as solicitudes no LERD, situado no Pavillón de Estudantes no campus de Elviña, na Coruña, ou no de Ferrol, no campus de Esteiro, dentro dos prazos establecidos pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG). Unha vez que teña concedida a praza, o novo alumnado universitario matricularase na secretaría do centro correspondente.

Para a matrícula nunha titulación sen límites de prazas, as solicitudes presentaranse no centro en que se imparte o ensino en cuestión.

A Universidade da Coruña ofrece a posibilidade de matrícula a través da páxina web, www.udc.es/ucv, que é usada por máis da metade do alumnado universitario actual.

Bolsas

A UDC dispón dunha ampla oferta de bolsas e axudas propias, de investigación e de colaboración, para incentivar e promocionar a formación educativa, cultural, profesional, científica e artística do alumnado, mediante a realización de actividades remuneradas nalgún dos seus departamentos. O investimento en bolsas para alumnos é prioritario para a Universidade da Coruña como o demostra o incremento económico desta partida en máis do 13% para este ano.

Bolsas de colaboración:

. Bolsas de colaboración en departamentos da UDC
. Bolsas de colaboración en tarefas bibliográficas
. Bolsas de colaboración en bibliotecas, aulas-net e outros servizos da UDC

Bolsas de residencia:

. Prazas para estudantes da UDC nos aloxamentos universitarios concertados

Bolsas de transporte:

. Convocatoria de axudas para o transporte urbano no campus da Coruña

Bolsas de intercambio:

. Bolsas para a mobilidade de estudantes no marco de convenios bilaterais

Bolsas para programas oficiais de posgrao:

. Bolsas para cursar estudos de mestrados oficiais (Universidade da Coruña-Banco Santander).

Bolsas de terceiro ciclo:

. Bolsas predoutorais
. Bolsas para estudantes de terceiro ciclo

Outras:

. Premios á excelencia académica no bacharelato
. Bolsas Cátedra Fundación María José Jove para alumnado con necesidades educativas especiais
. Axudas para estudantes gañadores das olimpíadas

Formación complementaria

O panorama da sociedade actual impón a condición de dominio de idiomas e informática como premisa fundamental, en moitos casos, para o desenvolvemento dun traballo. A Universidade da Coruña dispón desta formación, no seu compromiso de facilitar e axudar na introdución laboral dos estudantes. Ademais, para que o estudante poida rendibilizar ao máximo o seu paso pola universidade, o Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa ofrece cursos de aproveitamento da aprendizaxe.

Centro de Linguas
O Centro de Linguas busca proporcionarlle á comunidade universitaria unha sólida formación complementaria en linguas estranxeiras.

As linguas incluídas, actualmente, no plano de ensino son o inglés, o francés, o alemán, o italiano e o portugués. A metodoloxía de traballo, eminentemente práctica, coida tanto a expresión e comprensión escrita como a oral.

Alén diso, o plano de ensino do centro complétase con cursos de galego e de español dirixidos ao estudantado de mobilidade Erasmus.

Aula de Formación Informática (AFI)
A Aula de Formación Informática ten o obxectivo de reforzar os coñecementos informáticos da comunidade universitaria en todos os niveis. A oferta de cursos, moi variada, busca chegar tanto a usuarios non habituais de ferramentas informáticas, mais coa necesidade de aprendizaxe dun determinado programa ou tecnoloxía, como aos máis avanzados, coa motivación de acadar un maior grao de especialización nunha tecnoloxía en concreto.

O plano de ensino organízase en dúas series por ano académico, unha por cuadrimestre, e os cursos teñen lugar tanto na Coruña como en Ferrol. A temática é diversa: procesadores de texto, follas de cálculo, deseño web, bases de datos, programación, fotografía dixital, aplicacións para telefonía móbil, Autocad, configuración de PC, administración de sistemas... A meta é abarcar o máximo posible de diferentes tecnoloxías.

Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE)
Trátase de dar a formación e o asesoramento necesarios para os procesos de ensino e aprendizaxe atendendo aos cambios do sistema educativo resultado da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. O alumnado pode optar ao Plano de apoio á aprendizaxe en que, segundo as súas necesidades, se ofrecen cursos de técnicas de estudo, internet como apoio á formación, técnicas de relaxación, traballo en grupo, exposición oral e escrita ou habilidades sociais.

Outros servizos de interese

Oficina de Relacións Internacionais (ORI)
Dentro do novo modelo europeo de aprendizaxe universitaria cobra especial relevancia a Oficina de Relacións Internacionais que a UDC ten na Casa do Lagar, no campus de Elviña, e no Edificio de Apoio ao Estudo, no campus de Ferrol. Potenciar a mobilidade internacional do estudantado e do persoal docente é un dos obxectivos do Espazo Europeo de Educación Superior, mais non só a nivel académico, senón tamén profesional, con programas específicos de prácticas en empresas.

Servizo de Apoio e Promoción do Estudante (SAPE)
O Servizo de Apoio e Promoción do Estudante, SAPE, é o apoio integral e o buscador de información para o universitario. Na Casa do Francés, no campus da Zapateira, e no Edificio Administrativo, no campus de Ferrol, este servizo actúa como unha ponte entre o estudante e o que está buscando. Cun trato persoal, o SAPE non se limita a dar solucións, senón que se implica e pretende ampliar as expectativas dos seus usuarios. É o caso do apoio psicolóxico que se lle ofrece aos alumnos en temas relacionados coa súa vida académica ou persoal para tratar de resolver problemas como a ansiedade, o insomnio ou a fatiga ante os exames. O SAPE estrutúrase en tres áreas: Orientación Académica, Orientación Educativa e Psicolóxica e Información Xuvenil.


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000