REGULAMENTO INTERNO DO DEPARTAMENTO DE ENXEÑARIA NAVAL E OCEÁNICA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O presente regulamento vén dar cumprimento ao disposto no artigo 9.3 dos Estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, de 13 de maio (DOG de 26 de maio).
A regulación do réxime de funcionamento e organización do Departamento de Enxeñaría Naval e Oceánica fica enmarcada na normativa aplicable á Universidade da Coruña, en concreto na Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades e no Decreto 101/2004 da Xunta de Galicia, que aproba os Estatutos da Universidade da Coruña, así como pola Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, naqueles aspectos que se recollen na presente normativa nos que son de obrigado cumprimento ou que con carácter subsidiario foren de aplicación.
TÍTULO PRELIMINAR. DO ÁMBITO E DO RÉXIME XURÍDICO DE APLICACIÓN
Artigo 1. Obxecto do regulamento
O presente regulamento establece e regula o funcionamento e organización do Departamento de Enxeñaría Naval e Oceánica
Artigo 2. Ámbito de aplicación
O presente regulamento será de aplicación ao Departamento de Enxeñaría Naval e Oceánica da Universidade da Coruña, constituído polas áreas de coñecemento de Construccións Navais e de Mecánica de Fluídos e consecuentemente será de obrigado cumprimento para todos os seus compoñentes en canto membros del.
Artigo 3. Réxime xurídico
1. O Departamento de Enxeñaría Naval e Oceánica rexerase pola Lei Orgánica de Universidades, polas normas que emanen dos correspondentes órganos do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio das súas respectivas competencias, polos Estatutos da Universidade da Coruña e as súas normas de desenvolvemento e finalmente polo presente Regulamento de réxime interno.
2. En defecto do establecido no presente regulamento aplicarase a Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. Contra as resolucións e acordos dos órganos unipersoais ou colexiados do departamento, poderase formular recurso de alzada no prazo dun mes perante o reitor, tratándose de resolucións do director, e perante o Consello de Goberno, tratándose de acordos do consello de departamento, cuxa decisión esgotará a vía administrativa e será impugnable perante a xurisdición contencioso-administrativa de conformidade coa lei reguladora desta xurisdición.
TÍTULO I. NATUREZA E FUNCIÓNS
Artigo 4. Natureza
Os departamentos son os órganos encargados de coordinar o ensino dunha ou varias áreas de coñecemento nun ou varios centros de acordo coa programación docente da Universidade.
Artigo 5. Funcións
Son funcións dos departamentos:
Organizar e desenvolver, nos diferentes ciclos dos estudos universitarios, o ensino propio da área ou áreas de coñecemento da súa competencia.
Apoiar as actividades e iniciativas investigadoras do persoal adscrito á área ou áreas de coñecemento da súa competencia.
Organizar e desenvolver estudos de terceiro ciclo.
Contratar con entidades públicas ou privadas ou con persoas físicas a realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico, así como o desenvolvemento de cursos de especialización.
Participar na elaboración de planos de estudo, no procedemento de selección do persoal docente e investigador e nos procesos de avaliación da calidade institucional.
Calquera outra que lles asignaren as disposicións legais vixentes e os Estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004.
TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN DO DEPARTAMENTO
CAPÍTULO I. DA ESTRUTURA DO DEPARTAMENTO
Artigo 6. Persoal pertencente ao departamento de Enxeñaría Naval e Oceánica
O departamento agrupa o persoal docente e investigador da Universidade, funcionario e contratado, o persoal de investigación, bolseiros/as de investigación, estudantes e o persoal de administración e servizos que estean adscritos a el.
Artigo 7. Adscrición do profesorado
A adscrición do profesorado a un departamento farase atendendo á convocatoria de cada praza.
Artigo 8. Grupos de investigación
O departamento fomentará a constitución de grupos e redes de investigación en que participen os seus investigadores. As relacións entre o departamento e os grupos de investigación en que participen os seus membros acomodaranse á normativa que para este efecto dite o Consello de Goberno.
CAPÍTULO II. DO GOBERNO DO DEPARTAMENTO
Artigo 9. Órganos de goberno do departamento
Para o goberno, representación e administración do departamento establécense os seguintes órganos :
a) Colexiados:
• Consello de Departamento
• Comisión Permanente do Consello do Departamento
• Comisión de Doutoramento
b) Unipersoais:
• Director/a de departamento
• Secretario/a de departamento
Artigo 10. Concepto
O Consello de Departamento é o órgano colexiado de goberno do departamento.
Artigo 11. Composición do Consello de Departamento e outras cuestións
O Consello de Departamento comporase:
Do/a director/a, que o presidirá e convocará, e do/a secretario/a.
De todos/as os/as doutores/as, profesores/as e axudantes integrados/as no departamento. Enténdese por tales todo o profesorado funcionario dos corpos docentes universitarios e todas as categorías de persoal docente e investigador contratado tal e como se contén nos artigos 69.2 e 3 dos Estatutos da UDC.
Unha persoa representante dos investigadores con cargo a convocatorias oficiais e, se for o caso, dos/as lectores/as integrados/as no departamento. Enténdese que é investigador/a con cargo a convocatorias oficiais quen, após obter a suficiencia investigadora ou o diploma de estudos avanzados, realice tarefas de investigación no departamento con cargo a convocatorias públicas nacionais ou autonómicas publicadas nos diarios oficiais.
Unha representación do estudantado do departamento, equivalente ao 25% do número total de membros do consello, dos cales dous terzos corresponderán a estudantes de primeiro e segundo ciclo matriculados en, polo menos, unha das materias impartidas polas áreas de coñecemento integradas no departamento, e o terzo restante corresponderá a estudantes de terceiro ciclo dos programas de doutoramento en que participe o departamento. Dentro da porcentaxe de estudantes de primeiro e segundo ciclo darase preferencia na proclamación como candidato/a electo/a a que haxa polo menos u/unha de cada centro en que o departamento imparte docencia. En caso de se non cubrir o terzo correspondente ao estudantado de terceiro ciclo esa porcentaxe será ocupada por estudantes de primeiro e segundo ciclo e viceversa.
Unha persoa representante do persoal de administración e servizos adscrito ao departamento. Deberán convocarse eleccións a representantes do persoal de administración e servizos no Consello de Departamento cando o número de integrantes deste sector for superior a un. En caso contrario, será membro do consello sen celebrar eleccións.
As persoas representantes no Consello de Departamento serán elixidas por un período de dous anos.
A determinación do número de representantes que corresponde a cada sector será realizada pola Secretaría Xeral coa aprobación do censo definitivo, segundo as proporcións sinaladas neste artigo.
En caso de cesamento de representantes, no prazo máximo dun mes o/a director/a do departamento cubrirá os postos coas persoas candidatas que no último proceso electoral realizado obtivesen o maior número de votos en cada sector sen acadaren representación. Se as non houber, os postos serán cubertos no seguinte proceso electoral, tras a expiración do mandato do Consello de Departamento, salvo que o número de novos postos para cubrir sexa superior á metade do número total de representantes de cada sector, en cuxo caso terán que se convocar eleccións parciais. O mandato dos representantes que así accedan ao Consello de Departamento non durará máis que o tempo de mandato que reste aos demais representantes.
Nos supostos de incremento do número de doutores/as e a súa incorporación ao Consello de Departamento, así como a do resto de membros cuxa porcentaxe dependa daqueles, deberase proceder segundo dispoña o regulamento electoral xeral.
En caso de incumprimento inxustificado desta obriga por parte do/a director/a do departamento calquera persoa interesada poderá solicitar a intervención da Secretaría Xeral, que suplirá a actuación do/a director/a.
Artigo 12. Competencias do Consello de Departamento
Son competencias do Consello de Departamento:
Elixir o/a director/a e, se for o caso, revogalo/a.
Programar as actividades docentes e eventualmente investigadoras do departamento, elaborar o seu plano de organización docente e propor os programas de doutoramento.
Formular as demandas do persoal docente e investigador.
Organizar cursos ou estudos de posgrao ou especialización dentro do seu ámbito de competencia.
Participar na selección e contratación do persoal docente e investigador.
Propor nomeamentos de doutores/as honoris causa.
Elaborar o regulamento de réxime interno do departamento.
Calquera outra competencia que lle for asignada polas disposicións legais vixentes e polos Estatutos da UDC, aprobados polo Decreto 101/2004 da Xunta de Galicia.
Artigo 13. Funcionamento do Consello de Departamento .
1. O Consello de Departamento reunirase en sesión ordinaria cantas veces sexa necesario e, polo menos, dúas veces ao ano, e sempre que o/a director/a o convoque por propia iniciativa ou por solicitude dun tercio dos seus membros, en cuxo caso a sesión se realizará nos quince días seguintes ao de recepción da solicitude.
2. A orde do día das sesións será fixada polo/a director/a tendo en conta, se for o caso, que calquera dos membros do Consello de Departamento poderá solicitar a inclusión dun punto na orde do día. En tal caso, ese punto incluirase na primeira sesión que se convoque, sempre que se solicitase antes de ter enviada a convocatoria.
3. A convocatoria será efectuada polo/a secretario/a do departamento, por orde do/a director/a ou de quen legalmente o substitúa. Esta convocatoria incluirá a data, hora e lugar de realización da sesión, así como a orde do día. As citacións da convocatoria serán cursadas polo/a secretario/a, coa antelación suficiente para que todos os membros a reciban corenta e oito horas antes de que teña lugar a sesión, e debe incluír unha orde do día explícita, sen referencias xenéricas. As citacións levaranse a cabo mediante notificación persoal por carta ao centro de traballo ou notificación en soporte informático con garantías da súa recepción. De convocarse a sesión fóra do período lectivo previsto no calendario escolar, a convocatoria cursada ao alumnado deberá, ademais, remitirse aos seus respectivos domicilios.
4. Cando a natureza dos asuntos que se foren tratar así o requira, a xuízo do/a director/a, poderanse convocar ás sesións do Pleno ou, se for o caso, ás dalgunha comisión ás persoas que se estime necesario, con voz mais sen voto.
5. As sesións extraordinarias do Consello de Departamento están sometidas aos mesmos requirimentos que as ordinarias, coa excepción de que a súa convocatoria pode facerse con só vinte e catro horas de antelación e para o tratamento de puntos de inaprazable consideración. Non se incluirán na orde do día os puntos relativos á aprobación de actas, informes ou suxestións e preguntas.
Artigo 14. Constitución
Para a válida constitución do Consello de Departamento, para os efectos de realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza do/a director/a e do/a secretario/a ou, se for o caso, de quen os substitúa, e a da metade, polo menos, dos seus membros. De non acadarse este quórum, o Consello de Departamento poderá constituírse en segunda convocatoria coa presenza da terceira parte dos seus membros e, en todo caso, a do/a director/a e do/a secretario/a ou, se for o caso, de quen os substitúa.
Artigo 15. Asistencia e desenvolvemento das sesións
A asistencia ás sesións dos órganos colexiados da Universidade é un dereito e un deber dos membros que os integran.
A condición de membro dun órgano colexiado é persoal e non delegable.
Toda ausencia poderá xustificarse por escrito con anterioridade á sesión en que se produza perante o/a secretario/a do departamento.
Ás sesións só poderán asistir os seus respectivos membros, agás no caso recollido no artigo 13.4.
Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.
Artigo 16. Votacións e adopción de acordos
As votacións poderán realizarse por asentimento por proposta do/a director/a do departamento, a man alzada, pública por chamamento ou secreta. O/a director/a do departamento decidirá a utilización dunha ou doutra modalidade. Porén, a votación secreta poderá ser empregada cando o acordo que se deba adoptar tiver carácter persoal. Considéranse adoptados os acordos por asentimento cando as propostas sometidas ao Consello non suscitaren oposición de ningún membro deste e non requirise outra forma de votación ningún membro.
O Consello adoptará os seus acordos por maioría de votos afirmativos fronte aos negativos, sen ter en conta as abstencións, agás naqueles supostos en que se esixa legal ou regulamentariamente maioría absoluta ou cualificada.
En caso de empate nos resultados dunha votación decidirá o/a director/a co seu voto de calidade.
Non poderán someterse a votación aquelas cuestións que non estiveren especificadas en cada punto da orde do día e en relación directa con elas. Tampouco non se poderán tomar acordos dentro dos apartados da orde do día correspondentes a “Informes” e “Suxestións e Preguntas”.
Iniciada unha votación, esta non poderá interromperse.
Artigo 17. Actas
De cada sesión que teña lugar do Consello de Departamento redactará a acta o/a secretario/a, que especificará necesariamente a relación de asistentes e ausentes que achegasen xustificación, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que tivo lugar, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos e a forma en que estes se adoptaron.
Na acta figurará, por solicitude dos respectivos membros do Consello de Departamento, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que achegue no acto ou no prazo que sinale o/a director/a, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, facéndose así constar na acta ou uníndose copia a ela.
Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito no prazo de corenta e oito horas, que se incorporará ao texto aprobado.
Cando os membros do órgano voten en contra ou se absteñan, quedarán exentos da responsabilidade que, se for o caso, puidese derivarse dos acordos.
As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión, podendo non obstante emitir o/a secretario/a certificación sobre os acordos específicos que se adoptasen, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta.
Artigo 18. Comisión Permanente do Consello de Departamento
Poderase crear unha Comisión Permanente, con competencias delegadas do Consello de Departamento. Os acordos que adopte a Comisión Permanente relativos a competencias delegadas polo Consello de Departamento serán comunicados a éste na primeira sesión ordinaria que se realice.
A composición da Comisión Permanente será a seguinte:
O director do departamento que a preside.
O sectretario do departamento que actúa tamén como sectetario da comisión.
Dous representates dos profesores do departamento.
Un representante dos alumnos.
Un PAS.
As competencias da Comisión Permanente son as de adoptar decisions en asuntos urxentes ou de trámite
No seu funcionamento rexerase polas mesmas normas recollidas nos artigos 14 a 17 do presente regulamento.
Para a súa renovación seguiranse os mesmos criterios que establece o artigo 13 do presente regulamento, polo disposto para os Consellos de Departamento no Regulamento de réxime electoral ou, se for o caso, polos acordos da Xunta Electoral.
Artigo 19. Comisión de Doutoramento
A Comisión de Dutoramento estará formada por todolos profesores doutores do departamento.
O seu cometido será a organización e adopción de acordos en todos aqueles asuntos relativos aos programas de doctoramento do Departamento.
Estará presidida polo director do departamento on membro do mesmo en quen delegue sempre que sexa doctor.
No seu funcionamento rexerase polas mesmas normas recollidas nos artigos 14 a 17 do presente regulamento.
Os seus acordos terán que ser refrendados polo Consello do Departamento.
Artigo 20. Comisións do departamento
1. O Consello de Departamento, para os efectos do seu mellor funcionamento ou actuación, poderá constituír comisións con carácter de apoio ou asesoramento e que non terán capacidade decisoria, debendo remitir todas as propostas que se adopten ao Consello de Departamento, que decidirá en última instancia.
2. As comisións estarán compostas polos membros do Consello de Departamento designados por este. A súa renovación levarase a cabo segundo os criterios que estableza o Consello de Departamento, tanto en canto á composición, como na periodicidade da súa renovación.
3. As funcións que correspondan a cada comisión serán asignadas polo Consello de Departamento.
4. Para o seu funcionamento e adopción de acordos, rexeranse polas normas establecidas para o Consello de Departamento no presente regulamento.
SECCIÓN SEGUNDA. DOS ÓRGANOS UNIPERSOAIS
Artigo 21. Do/a director/a do departamento
Os/as directores/as de departamento teñen a representación deste e exercen as funcións de dirección e xestión ordinaria destes.
Os/as directores/as de departamento son nomeados/as polo reitor logo de elección polo Consello de Departamento entre o profesorado doutor pertencente aos corpos docentes universitarios membro deste ou, no seu defecto, funcionario dos corpos docentes universitarios non doutores/as ou profesores/as contratados/as nos supostos previstos na lei. Neste caso poderá ser de aplicación o previsto no artigo 41.2 dos Estatutos da UDC.
De non se poder efectuar o nomeamento do/a director/a do departamento por falta de candidatos/as que reúnan os requirimentos esixidos, unha vez oído o Consello de Departamento o reitor encargaralle provisionalmente as funcións de dirección a un/unha dos/as profesores/as do departamento.
A duración do mandato será de catro anos, e poderán ser reelixidos/as.
Os/as directores/as de departamento cesarán nas súas funcións ao final do seu mandato, por pedimento propio, por causa legal sobrevida ou como consecuencia dunha moción de censura aprobada nos termos que regulamentarmente se establezan.
A elección do/a director/a de departamento rexerase por un regulamento elaborado e aprobado polo Consello de Goberno.
Artigo 22. Funcións do/a director/a do departamento
Correspóndelle ao/á director/a de departamento:
Exercer a representación do departamento.
Presidir e convocar o Consello de Departamento e executar os seus acordos.
Dirixir, coordinar e supervisar as actividades do departamento.
Organizar as funcións de persoal de administración e servizos adscrito ao departamento e controlar o seu cumprimento.
Promover contratos, de acordo co previsto na lei e nos estatutos.
Executar as previsións orzamentarias.
Propor ao reitor o nomeamento dunha persoa, de entre o profesorado e axudantes do departamento, como secretario/a do departamento.
Formar parte da Comisión de Selección do Persoal Docente e Investigador Contratado, no caso de que a praza se adscriba ao seu departamento.
Calquera outra que lle atribúan as disposicións legais vixentes e os estatutos da UDC, aprobados polo Decreto 101/2004, de 13 de maio.
Artigo 23. Secretario de departamento
O/a secretario/a do departamento será nomeado polo reitor, por proposta do/a director/a do departamento de entre o profesorado e axudantes do departamento.
O/a secretario/a redactará as actas das sesións, custodiará a documentación e expedirá certificacións.
Exercerá, así mesmo, calquera outra función que lle delegue o/a director/a de departamento ou que lle encomenden as disposicións legais vixentes e os Estatutos da Universidade da Coruña.
Os/as secretarios/as de departamento cesarán por pedimento propio, por causa legal sobrevida ou por decisión do reitor, por proposta do/a director/a do departamento.
En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o/a secretario/a será subsituído/a polo membro do consello que decida o/a director/a, que reúna na súa persoa a condición de profesor/a ou axudante.
TÍTULO III. DA ACTIVIDADE DOCENTE
Artigo 24. Principios xerais
1. O departamento promoverá como un dos seus obxectivos fundamentais impartir unha docencia de calidade dirixida á formación integral e crítica do estudantado e á preparación para o exercicio de actividades profesionais.
2. A docencia é un dereito e un deber do persoal docente e investigador do departamento e será impartida baixo os principios de liberdade e responsabilidade, de acordo coa programación docente e os fins xerais da Universidade da Coruña.
3. O departamento é o responsable da docencia de acordo cos planos de estudos das distintas titulacións en que imparta o seu ensino e o plano de ordenación docente aprobado polo Consello de Goberno.
4. O departamento está obrigado a garantir o ensino adscrito á área ou áreas de coñecemento que o integran. En caso necesario, o Consello de Departamento arbitrará as medidas oportunas que garantan a docencia ante situacións de urxencia.
Artigo 25. Organización docente
1. O Consello de Departamento, con carácter anual e antelación suficiente respecto ao comezo do seguinte curso académico, deberá polo menos:
a) Fixar e publicar o programa das materias ao seu cargo e o réxime de titorías do profesorado.
b) Determinar as actividades esixidas polos planos de estudo.
c) Fixar o sistema ou sistemas básicos e xerais de avaliación do alumnado para cada materia, de acordo co que se estableza para tal fin na normativa da Universidade da Coruña.
d) Distribuír e asignar as tarefas docentes entre o profesorado.
e) Resolver calquera outra cuestión establecida na normativa elaborada polo Consello de Goberno.
2. As obrigas docentes do profesorado computarán anualmente.
3. O Consello de Departamento planificará as actividades docentes do profesorado visitante e emérito, que poderán estar dirixidas principalmente á docencia en seminarios, cursos monográficos ou de especialización.
TÍTULO IV. DA ACTIVIDADE INVESTIGADORA
Artigo 26. Principios xerais
1. O departamento asume como un dos seus obxectivos esenciais a investigación, fundamento da docencia, medio para o progreso da comunidade e soporte da transferencia social do coñecemento. E para tal efecto promoverá no marco das súas competencias o desenvolvemento da investigación así como a formación dos/as seus/súas investigadores/as.
2. A investigación é un dereito e un deber do persoal docente e investigador. Recoñécese e garántese, no ámbito do departamento, a liberdade de investigación individual e colectiva.
3. O departamento garantirá que todos os fondos bibliográficos e infraestruturas para a investigación estean a disposición de todos os profesores ou investigadores do departamento.
4. Os departamentos apoiarán programas de investigación onde se recollerán as liñas de investigación, os proxectos e mais os recursos de persoal e material necesarios.
TÍTULO V. DO RÉXIME ECONÓMICO E FINANCEIRO
Artigo 27. Recursos económicos
Para a realización das actividades docentes e investigadoras o Departamento de Enxeñaría Naval e Oceánica dispón:
Dos bens, equipos e instalacións que, previamente inventariados, a Universidade da Coruña lle destine.
Dos recursos que nos orzamentos da Universidade da Coruña se lle asignen.
Calquera outro recurso que puidese serlle atribuído.
Corresponde aos órganos de goberno do departamento velar polo mantemento e renovación dos recursos adscritos a este. Da súa conservación directa son responsables todos os membros adscritos a el, e será supervisada pola dirección do departamento.
1. O Consello de Departamento adoptará anualmente os criterios para a asignación dos recursos do departamento que serán destinados ao funcionamento deste e á atención das tarefas docentes e investigadoras das áreas de coñecemento que o integran.
2. Corresponde á dirección do departamento:
a) Elaborar e presentar anualmente ao Consello de Departamento, para o seu debate e, se for o caso, aprobación, unha estimación dos ingresos e gastos do departamento no seu conxunto co reparto máis pormenorizado posible dos capítulos e unidades de gasto previstos para o exercicio económico seguinte.
b) Elaborar e presentar anualmente ao consello, para o seu debate e, se for o caso, aprobación, unha conta xeral dos ingresos e gastos do departamento no seu conxunto, distinguindo capítulos, conceptos e, no que sexa posible, unidades de gasto unha vez rematado cada exercicio económico.
TÍTULO VI. DA REFORMA DO REGULAMENTO
Artigo 29. Iniciativa de reforma do regulamento
Poderán propor a reforma do presente regulamento un terzo dos membros do Consello de Departamento. A proposta de modificación presentarase mediante escrito motivado dirixido ao/á director/a.
Artigo 30. Tramitación de reforma do regulamento
O texto da proposta de reforma será enviado polo/a director/a aos membros do Consello, que disporán de quince días para presentaren emendas. Transcorrido este prazo convocarase sesión ordinaria do Consello para aprobar ou rexeitar a reforma proposta. Á convocatoria xuntaranse as emendas presentadas, que serán sometidas a debate e votación.
Artigo 31. Aprobación da proposta de modificación do regulamento
Para a modificación do regulamento requirirase a súa aprobación por maioría absoluta do total dos membros do Consello e a súa posterior aprobación polo Consello de Goberno da Universidade.
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
ÚNICA. Período de adaptación da Comisión Permanente e comisións de traballo
A Comisión Permanente, así como o resto de comisións existentes no departamento á entrada en vigor do presente regulamento extinguiranse no prazo máximo dun mes, debendo conformarse e constituírse a nova Comisión Permanente e demais comisións de conformidade co disposto neste regulamento en dito prazo.
DISPOSICIÓNS FINAIS
ÚNICA. Entrada en vigor
O presente regulamento entrará en vigor o mesmo día en que o aprobe o Consello de Goberno.