César C. Morán Fraga
Experiencia profesional:
Profesor Asociado da Universidade da Coruña.
Catedrático de Lingua e Literatura Galega no I.E.S Agra do Orzán.

Combinou desde moi novo as tarefas musicais e as literarias. Na década dos 70 desenvolveu unha intensa actividade como cantautor, obtendo diversos premios de interpretación e composición.

É membro fundador de Agra, primeiro grupo de jazz-rock con raíces folclóricas, actuando como teclista e compositor até a súa disolución en 1979.

Pola mesma época traballa como músico co grupo de teatro "Troula" no espectáculo O velorio, orixinal de Francisco Taxes e dirixido por Antonio F. Simón, participando en diferentes festivais nacionais e internacionais.

Como autor literario, ten publicado diversos poemas e relatos (volume colectivo Fogo cruzado...), así como obras de estudos filolóxicos (coautor da Nova Gramática para a aprendizaxe da lingua, 1988) e de crítica literaria, colaborando en publicacións periódicas como Luzes de Galiza, Agália, A Nosa Terra, La Voz de Galicia, Diario 16 de Galicia, Unión libre, Monfadal, etc.

Dedicou especial atención á obra de Álvaro Cunqueiro, a quen realizou a última entrevista pouco antes da súa morte. É tamén autor da primeira tese de licenciatura realizada sobre o autor mindoniense nunha Universidade galega, e entre outros moitos traballos monográficos publica en 1990 o libro O mundo narrativo de Álvaro Cunqueiro.

Combina as súas tarefas docentes, literarias e musicais, colaborando na prensa escrita e mesmo na radio e TV, compondo música para diversos programas.

É autor, con Manuel Rivas, do CD O pobo da noite (1996), un traballo poético-musical que consiste na composición musical e interpretación conxunta de poemas do autor, levado ao directo en numerosas ocasións.

Retoma de maneira decisiva a actividade musical e compón a música do seu CD Río de son e vento (1998), traballo que se completa coa súa antoloxía do mesmo nome, e iniciando unha actividade continuada de comunicación directa co público.

Nos anos 2003 e 2004 traballa co Centro Dramático Galego, primeiro como músico no espectáculo Daquel abrente (que incluía Laudamuco, señor de ningures, de Roberto Vidal Bolaño, e O velorio, de Francisco Taxes) e despois como autor do Estudo crítico na posta en escena de O ano do cometa, obra dirixida por Quico Cadaval.
Liñas de investigación:
As súas preferencias están na literatura contemporánea, así como na lingua desde o ponto de vista descritivo e sociolóxico.
Na actualidade traballa na súa Tese de Doutoramento sobre O teatro de Álvaro Cunqueiro, dirixida por Carlos Paulo Martínez Pereiro. Prepara así mesmo un novo libro sobre o citado autor e un novo traballo discográfico de composición e interpretación musical.
Publicacións:
"Entrevista con Álvaro Cunqueiro", in Homenaxe a Álvaro Cunqueiro, Universidade de Santiago, 1982.
"Algunhas notas arredor de Don Hamlet", in A Nosa Terra, Extra 2, 1984 (1991 nova edición acrescentada).
"Análise literaria dun fragmento do Merlín", in Comentário de textos literarios, Alhena, Madrid, 1986.
Nova Gramática para a aprendizaxe da língua, (con X.C. Rábade, A. González Refoxo e X. Costa), Vía Láctea, A Coruña, 1988.
"Questionário de História Contemporánea", Lluís V. Aracil (con J. Mato), in Agália, 17, 1989.
O mundo narrativo de Álvaro Cunqueiro, Agal, A Coruña, 1990.
"Estudo-análise de As crónicas do sochantre", in Agália, 25, 1991.
"O porco de pé no tempo de Joyce"in Vicente Risco: arredor de nós, A Nosa Terra, “A Nosa Cultura”, 14, 1993.
"Criaçom e produçom literária na Galiza" in Estudos Portugueses e Africanos, 2º semestre, 1994.
"Prefácio da 3ª ed."; De As cantigas de Pero Meogo de Leodegário A. de Azevedo Filho, Laiovento, Santiago de Compostela, 1995.
O pobo da noite, CD poético-musical sobre poemas de Manuel Rivas, Xerais, Vigo, 1996.
Río de son e vento, CD poético-musical sobre textos de literatura contemporánea, Xerais, Vigo, 1998.
Río de son e vento. Unha antoloxía da poesía galega, Xerais, Vigo, 1999.
"As viaxes imaxinárias de Álvaro Cunqueiro" [1934-35], in Monfadal, 2, 2000.
Antoloxía da lírica medieval [1934-35], Biblioteca 120, La Voz de Galicia, 2001.
A teatralidade na obra de Cunqueiro. O ano do cometa (estudo crítico), Xunta de Galicia, Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, Santiago de Compostela, 2004.