O
mosteiro de Oseira foi fundado polos benedictinos en 1137, adheríndose
á orde cisterciense poucos anos despois. San Bernardo mandou desde
Claraval a un grupo de monxes para instruír na nova regra ós
fundadores, cara a 1140. Situado nunha paraxe inaccesible da provincia
de Ourense, nos séculos XII e XIII levantouse o templo seguindo
o modelo da Catedral de Santiago con deambulatorio na cabeceira, así
como a tipoloxía da orde, con nave central abovedada en canón,
sen triforio e decoración moi elemental con capiteis xeometrizados.
No centro do cruceiro se construíuse a finais do século XIII unha gran cúpula sobre nervios, apoiada en trompas, obra atribuída a un monxe chamado Fernán Martínez. As capelas do deambulatorio, sufriron diversas reformas, conservándose só unha románica. A finais do século XV iniciouse a construcción da actual sala capitular, con catro columnas centrais de fustes estriados e retorcidos, dos que arrincan feixes de nervios entrelazados por terceletes nunha caprichosa e orixinal bóveda.
Un incendio arruinou o mosteiro no século XVI, iniciándose unha longa restauración, na que se levantou o coro ós pés do templo, os claustros e a nova fachada barroca da igrexa coas dúas torres campanario, en 1647. O conxunto conta con tres claustros, o dos pináculos, o dos medallóns e o dos cabaleiros, que trala desamortización de 1835, quedaron en estado ruinoso. O monumental conxunto empezouse a restaurar en 1930, ata os nosos días.


| Dpto.
de Composición.
Universidade da Coruña. |