Coro

As probas para a selección de novas voces para o coro da UDC do curso 2017-18 terán lugar no CUR os días 18 e 21 de setembro

O Coro Universitario busca novos integrantes e convoca a Proba de Voces 2017, que terá lugar o luns día 18 e o mércores día 21 de setembro, en horario de 19:30 a 21:30 h no Centro Universitario de Riazor.

Non se require experiencia previa para presentarse á audición, que consiste nunha proba de entoación. Adoita ter unha duración duns minutos, normalmente comeza coa entoación dunha canción, de calquera xénero, á elección do aspirante.

As probas están abertas a todos os membros da comunidade universitaria (estudantes, PAS e PDI). Por asistencia ás actividades do coro concédense 4 créditos por curso académico: Normativa de recoñecemento de créditos

 

  Quen somos?

O coro da Universidade da Coruña fundouse en 1990, sendo os primeiros directores Ramiro Cartelle e Marta Castanedo. Posteriormente Julián Jesús Pérez tomou o relevo. Na actualidade, e desde o ano 2012, o director é Rupert Twine.

O coro ensaia no Centro Universitario de Riazor dous días á semana (luns e mércores), das 19:30 ás 21:30 horas. Ademais dos ensaios participa en actos académicos solemnes da UDC e tamén en concertos, invitado por institucións locais e autonómicas.

Para participar no coro non é imprescindible ter coñecementos de solfexo, só ter ganas de cantar e compromiso de asistencia aos ensaios. Selecciónase aos participantes mediante unha pequena proba para a que se pode concertar unha cita acudindo ao CUR en horarios de ensaio ou ben contactando co director na dirección de correo: rupert.twine@gmail.com

Os alumnos poden obter créditos ECTS pola súa participación no Coro. O enfoque da actual dirección céntrase tanto en repertorio moderno, música pop, bandas sonoras de cine… como nas obras corais máis representativas de cada século. A principal finalidade desta actividade é aprender a apreciar a importancia da música como linguaxe artística e como medio de expresión cultural mediante a interpretación da música coral de diferentes épocas, xéneros e estilos.

O coro renova anualmente os seus membros debido a que moitos estudantes rematan as súas carreiras e outros toman o relevo, pero tamén conta coa continuidade e estabilidade que lle proporciona ao coro a participación doutros membros da comunidade universitaria, como profesores, persoal de administración e servizos ou estudantes da Universidade Sénior.

 

O coro da UDC na Residencia Padre Rubinos

20161019 CORO DA UDC (32)