O luns 8 de xuño, proxección da película "La verdad sobre el caso Savolta"

18 horas no Salón de Actos do campus de Esteiro, dentro do ciclo "Cine e Dereitos Humanos"

O luns, 8 de xuño, proxectarase, dentro do ciclo de cinema "Cine e Dereitos Humanos", o filme La verdad sobre el caso Savolta, dirixida por Antonio Drove, en 1978.

A película tivo unha triste notoriedade durante a transición, case un reflexo da situación política, porque o director foi apartado xa ben avanzado o proxecto, e só a presión dunha comisión intersindical posibilitou a rodaxe definitiva.

O filme resultante, tan radical como complexo, trata de reflexionar políticamente sobre os feitos históricos mostrados e as súas implicacións últimas, e dicir, analizar o momento histórico da formación dun embrionario fascismo, utilizando para isto unha sabia e calculada mistura da épica brechtiana con elementos do xénero negro de inspiración langiana. En  consecuencia, simplifica claramente a estrutura narrativa experimental da novela, para que o espectador poda concentrarse na reflexión política. En definitiva, un filme político, non para os convencidos (como sucede en tantas ocasións), de recoñecemento (por utilizar a terminoloxía de profesor J. E. Monterde), senón un filme, que en palabras do seu director, apela a intelixencia, corazón e libertade do espectador.