 |
A
Universidade da Coruña, a través
do Vicerreitorado de Calidade e Harmonización
Europea, presenta xunto co Centro Universitario
de Formación e Innovación
Educativa (CUFIE) o seu Plano de Apoio ó
Ensino Universitario. Este plano pretende
proporcionar ó profesorado os recursos
necesarios para afrontar, nas mellores condicións
posibles, o reto que supón a integración
no Espazo Europeo de Educación Superior,
tal e como se veu concretando a partir da
Declaración de Boloña. |
| |
|
|
| A
nosa universidade nunca foi allea ó espazo
europeo e internacional en que se move, como tampouco
o foi ás necesidades dos docentes. Durante
anos veuse proporcionando ó profesorado
unha oferta crecente de recursos formativos dirixidos
á súa actualización docente
e a proporcionarlles coñecementos e ferramentas
pedagóxicas coas que realizar máis
eficazmente o seu labor (a creación do
Centro Universitario de Formación e Innovación
Educativa obedece tamén a esta necesidade).
Estas iniciativas e as accións asociadas
a elas representan o punto de partida para este
plano que agora inicia o seu camiño. Nel
pretendemos aumentar a oferta formativa no ámbito
da metodoloxía didáctica, o uso
das TIC no ensino universitario e as implicacións
pedagóxicas do EEES.
O protagonismo dos que ensinan e dos que aprenden
é evidente e os cambios que se propoñan
para as titulacións, así como os
que se derivan da implantación dos créditos
ECTS, aféctanlles de xeito directo.
Vivimos nun momento histórico que nos proporciona
unha oportunidade para pasar do debate á
práctica. A necesidade, asumida politicamente,
de homoxeneizar a estrutura universitaria europea
para facilitar, mediante a transparencia, a mobilidade
da comunidade universitaria xera o contexto de
cambio propicio para levar ás aulas algúns
principios pedagóxicos que desde a universidade
sempre mantivemos. Incluírmos o traballo
que o alumno debe realizar e computalo dentro
dos programas, darmos un sentido diferente ás
titorías para personalizar e individualizar,
na medida do posible, a formación que proporcionamos,
abrírmonos ás posibilidades que
ofrecen as novas tecnoloxías para o ensino
e a aprendizaxe, coordinarmos os programas das
materias e pensármolos en termos das competencias
que queremos desenvolver e do papel que a materia
pode ter na formación e inserción
laboral dos nosos estudantes, poden ser algúns
exemplos disto. A clave de todo o proceso é
entender que ensinar e aprender son procesos sempre
optimizables e que iso obriga a pensar e repensar
o que facemos, e que para que esta reflexión
teña sentido é necesario que se
realice de forma conxunta. Compartir, é
a idea, colaborar é o medio. A coordinación
e o coñecemento que así se obteñen
non poden ser substituídos por ningunha
outra actividade e permiten que aprender uns dos
outros sexa tamén unha realidade no ámbito
docente.
Esperamos que esta oferta inicial, que será
completada con outras dirixidas ós estudantes
e ó PAS e que para a seguinte convocatoria
estará incardinada dentro do Plano Director
Docente da Universidade que comezará a
elaborarse en Maio de 2004, sexa útil para
o profesorado e que cumpra a función para
a que foi deseñada.
|