Plano de Formación Inicial (PFI)

 A Universidade da Coruña, a través da Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente, xunto co Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE), ten a satisfacción de ofertar unha nova visión do Plano de Formación Inicial (PFI) para o profesorado novel con catro anos ou menos de experiencia docente. Esta renovación do PFI, que implica un cambio de modalidade fundamental (da presencialidade á virtualidade), pretende facilitar o acceso á formación aos docentes de nova incorporación a través dunha modalidade máis flexible e accesible.

Este plano ten o obxectivo de formar a novos profesionais que recentemente se teñan incorporado aos labores docentes na UDC nos últimos anos, completando a súa formación para facer fronte ás tarefas que terá que desenvolver na súa actividade habitual.

Este é un plano ambicioso no que se busca proporcionar ao profesorado unha formación básica para o exercicio da súa función docente no inicio da súa andaina académica. Preténdese que adquiran destrezas e coñecementos didácticos e metodolóxicos, así como de tecnoloxía educativa; tamén pretende proporcionar coñecementos acerca da estrutura, servizos e funcionamento da nosa universidade, así como sobre o marco legal que afectará á súa vida profesional nesta institución. 

Esperamos e desexamos que esta nova convocatoria do PFI, que é completada con outras dirixidas ao profesorado (Plano de Apoio ao Ensino - PAE), sexa moi útil e valiosa para o profesorado novel e que cumpra a función para a que foi deseñada.