Plano de Apoio ao Ensino (PAE)

 A Universidade da Coruña, a través da Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente, presenta xunto co Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE) o seu Plano de Apoio ao Ensino Universitario para o curso 2017/2018, orientado a favorecer a mellora e desenvolvemento das competencias docentes.

Este plano de formación elaborouse pensando nas necesidades manifestadas polo propio profesorado e intentando responder aos novos retos de formación que ten que afrontar a Universidade. Mais tamén é un reto importante para dar unha continuidade aos programas de formación do curso anterior, aínda que con algunhas modificacións e innovacións para mellorar esta oferta formativa para todo o profesorado da nosa Universidade.

A nosa Universidade nunca foi allea ao espazo europeo e internacional en que se move, como tampouco o foi ás necesidades dos docentes. Por iso xa fixemos unha oferta formativa crecente de recursos para o profesorado dirixidos á súa actualización docente e a proporcionarlles coñecementos e ferramentas pedagóxicas con que realizar máis eficazmente o seu labor.

A continuidade destas iniciativas e as accións asociadas a elas representan o punto de partida para este plano que agora continúa a súa andaina. Nel pretendemos aumentar a oferta formativa no ámbito da metodoloxía didáctica, o uso das TIC no ensino universitario e as implicacións pedagóxicas do EEES, así como un programa de saúde e de prevención de riscos laborais e outro de contexto institucional, no que se tratan temas da realidade universitaria de hoxe en día.

O protagonismo dos que ensinan e dos que aprenden é evidente, así como os cambios na sociedade que nos rodea e o profesorado universitario non pode ser alleo a eles. Por iso, este programa de formación pretende dotarlles de ferramentas para abordar estes cambios e aplicalos nas aulas e no seu labor no mellor contexto posible.