PRESENTACIÓN e OBXECTIVOS

UDConTIC gallegoA Unidade de Teleformación (UDConTIC) é un novo servizo do CUFIE, dependente da Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente, que ten como misión fundamental a de prestar apoio a todas aquelas accións relacionadas co ámbito da teleformación dentro da UDC. Entre as súas liñas de traballo e actuación, recóllense tamén as de contribuír a dar impulso á innovación educativa e á integración das tecnoloxías da información e as comunicacións no proceso de ensino-aprendizaxe dentro das distintas titulacións da UDC.
Cómpre lembrar, que o Plan Estratéxico UDC2020, aprobado polo Claustro o 4 de Decembro de 2013, establece como obxectivo estratéxico número un Unha aprendizaxe de calidade no ámbito do espazo europeo de educación superior. Este obxectivo concrétase en seis liñas de actuación, catro das cales atinxen aos propósitos cos que nace esta unidade:

  • Liña 1.2: Continuar a aposta por establecer contornos de aprendizaxe máis interactivos e estimulantes.
  • Liña 1.3: Afondar no uso das novas ferramentas tecnolóxicas para a docencia non presencial e en liña.
  • Liña 1.4: Facilitar a adecuación da organización académica ás novas metodoloxías e á innovación docente.
  • Liña 1.6: Mellorar a formación continua e a renovación e innovación docente do profesorado.

Por conseguinte, a UDConTIC ten o reto de traballar para acadar os seguintes obxectivos:

  • Xestionar aqueles cursos do Plan de Formación do Cufie que se impartan en modalidade on line ou semipresencial.
  • Dar soporte metodolóxico ás accións relacionadas co ámbito da teleformación.
  • Promover o deseño de proxectos e accións formativas de apoio á docencia semipresencial.
  • Promover a integración das tecnoloxías educativas na actividade docente.
  • Facilitar a actualización constante do profesorado universitario para a adquisición e mellora das súas competencias dixitais.
  • Impulsar a creación, desenvolvemento e difusión de proxectos de innovación educativa entre a comunidade universitaria.