A UDC pon en marcha en Ferrol un programa de aloxamento interxeracional

A UDC pon en marcha en Ferrol un programa de aloxamento interxeracional

A Coruña, 13 de setembro de 2013.- O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, e o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey, asinaron esta mañá no Pazo Municipal un convenio que permitirá que estudantes do campus compartan aloxamento con persoas maiores. No acto de sinatura do acordo estaban presentes tamén a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, impulsora da iniciativa, e a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro.
Segundo as explicacións do reitor, o programa de aloxamento interxeracional porase en marcha este mesmo curso e comezará coa constitución nuns días dunha comisión mixta Universidade da Coruña e Concello de Ferrol para sentar as bases desta novidosa idea nos campus galegos pero que xa está a funcionar noutras universidades españolas con bastante éxito.
“Este convenio ten un dobre obxectivo. Por un lado, facilitar aos estudantes universitarios un aloxamento accesible nestes momentos de dificultade e, polo outro, que os maiores poidan convivir con persoas novas e intercambiar experiencias con eles”, apuntou o alcalde. A falta de concretar as bases do acordo, a comisión mixta fará unha bolsa de aloxamento con persoas maiores de 60/65 anos que queiran acoller un estudante a cambio de axuda que libremente decidan entre o estudante e a persoa que o acolle, como podería ser o acompañamento a citas médicas, por exemplo, ademais de compartir gastos de consumos de luz ou auga. Tamén se abrirá en breve un período para que o alumnado de Ferrol presente as súas solicitudes para participar neste programa que estará aberto ao longo do curso. Compételle tamén á comisión mixta efectuar o seguimento das condicións do programa de aloxamento interxeracional.
A iniciativa, que partiu da Universidade, foi moi ben acollida por parte do Concello de Ferrol. “A relación co Concello é moi fluída e iso facilita moito o traballo conxunto”, remarcou o reitor.

 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000