As mulleres na ciencia, tema do Concurso de fotografía da UDC

A Coruña, 12 de setembro de 2013.- A Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña convoca o I Certame fotográfico Rosalind Franklin coa temática das mulleres na ciencia e na tecnoloxía ao que poden presentarse todos os membros da comunidade universitaria, profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos.
O prazo para presentar as fotografías, un máximo de tres por persoa, remata o 30 de setembro e deberá facerse nos rexistros da Universidade, na Maestranza, en Elviña ou en Ferrol.
O primeiro premio está dotado con 450 euros; 350€ o segundo e 200€ o terceiro.
O certame leva o nome de Rosalind Franklin (1920-1985) porque foi a autora da chamada Fotografía 51. Biofísica e cristalógrafa inglesa tivo importantes contribucións á comprensión das estruturas do ADN, os virus, o carbón e o grafito. A Fotografía 51 é a imaxe do ADN obtida mediante difracción de raios X, que serviu como fundamento para a hipótese da estrutura dobre helicoidal do ADN. En 1962 os seus colegas Watson, Crick e Wilkins foron galardoados co Premio Nobel polo seu traballo no descubrimento do ADN. O nome de Rosalind Franklin non se mencionou nin se recoñeceu a súa contribución neste avance científico sen precedentes.
Máis información sobre as bases deste concurso: http://www.udc.es/oficinaigualdade/novas/20130909_certame_fotografico_rosalind_franklin.html
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000