Arquitectura inicia as clases cunha exposición de debuxos de alumnos

Arquitectura inicia as clases cunha exposición de debuxos de alumnos

A Coruña, 6 de setembro de 2013.- A Escola Técnica Superior de Arquitectura amosará a partir do luns, coincidindo co inicio das clases, a exposición “Cidade, debuxo e café con xeo” ata o 15 de outubro. Na mostra recóllense os traballos realizados no obradoiro de verán do mesmo nome organizado no mes de xuño polos colectivos lasonceymedia e veredes en colaboración coa Escola de Arquitectura, o COAG e a Fundación Caixa de Arquitectos.
Esta exposición busca iniciar un diálogo cos estudantes de Arquitectura e cos habitantes da cidade en que se traballou. Neste sentido, o obradoiro foi o punto de partida para constituír un exercicio de reflexión crítica arredor do debuxo a man alzada como ferramenta de análise e proxecto a escala urbana. Ao longo de seis sesións leváronse a cabo cinco relatorios e outros tantos exercicios prácticos centrados no barrio coruñés da Pescadería. A primeira fase do traballo xirou arredor da análise urbana, mentres que a segunda fase centrouse no desenvolvemento dunha proposta para unha zona concreta da área de estudo. En ambos os dous cometidos, as únicas ferramentas empregadas foron o lapis e o papel. O obradoiro concluíu co esbozo dun diagnóstico conxunto para a área da Pescadería.



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000