A Coruña, 5 de setembro de 2013.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e os reitores da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, da Universidade de Santiago, Juan Casares, e da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, reuníronse onte para avaliar a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) que marcará as pautas en innovación galega ata 2020.
O documento, elaborado polas universidades e outros 200 axentes do sistema galego de innovación, presentarase nas vindeiras semanas á Comisión Europea e permitirá que a comunidade galega reciba 2.000 millóns de fondos FEDER e FSE entre 2014 e 2020, dos que 1.200 millóns dedicaranse a innovación, eficiencias enerxética e apoio á competitividade das pemes. Tras varios meses de traballo, Universidades e o resto de axentes de innovación presentaron á Xunta preto de 40 propostas en forma de obxectivos.
Algúns dos obxectivos propostos foron converter a Galicia nun provedor da industria aeronáutica; desenvolver as tecnoloxías, servizos e loxística da biomasa; aproveitar os residuos e subprodutos do sector agroforestal e a súa industria transformadora; desenvolver novos materiais e aplicar as tecnoloxías emerxentes, como as ciencias de materiais, nanotecnoloxía, nanoeléctrica, biotecnoloxía ou fotónica ás principais industrias tractoras galegas (téxtil, naval, eólica, agroalimentaria, automoción ou forestal, entre outras); potenciar a comercialización do turismo cultural; aplicar as TIC para favorecer o envellecemento activo, e a innovación en nutrición, segundo informou a Consellería de Economía e Industria.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000