A UDC dota á residencia de Ferrol de regulamento interno

A Coruña, 23 de xullo de 2013.- O Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou esta mañá o regulamento de réxime interno da residencia pública universitaria do campus de Ferrol.
O regulamento ten como obxecto asegurar a convivencia interna, a hixiene, a seguridade e a tranquilidade do edificio e dos residentes, tanto nas zonas de uso privado como nas de uso común, e de maneira xeral a boa convivencia dos residentes e o normal funcionamento dos servizos comúns. A dirección e supervisión do centro correrá a cargo da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social e créase un Consello de residentes formado pola Vicerreitora do Campus de Ferrol, Araceli Torres, o administrador do centro e catro estudantes propostos polos propios residentes. Este Consello de Residentes terá como funcións informar nos asuntos relacionados coa vida do centro, realizar propostas sobre as necesidades percibidas e informar nos supostos de imposición de sancións graves a algún residente.
O regulamento recolle un capítulo dedicado aos dereitos e deberes dos residentes, entre os que se inclúen a liberdade de entrada e saída da residencia e a formulación ante a Administración de cantas iniciativas, suxestións e reclamacións consideren oportunas como dereitos, mentres que os deberes atinxen ao respecto dos demais residentes e ao silencio nocturno do centro e dos seus arredores, entre outros. Ademais dun título que recolle especificamente as normas de convivencia, o novo regulamento dedica tamén un apartado ao réxime sancionador, tipo de faltas leves e graves e tipo de sancións que van desde o apercibimento ata a expulsión. O regulamento entrará en vigor a partir do 24 de xullo.
A residencia universitaria de Ferrol é a primeira residencia pública coa que conta a Universidade da Coruña. Porase en marcha a partir do vindeiro curso para o que está aberta a convocatoria de solicitudes posto que se reservan aínda unhas prazas para os alumnos que se presenten ás probas de acceso á universidade de setembro. En total ofértanse 22 prazas.
Máis información sobre o aloxamento universitario:
http://www.udc.es/admision_bolsas/axudas/bolsasUDC/2013/aloxamentos20132014.html

A orde do día do Consello de Goberno desta mañá incluía a presentación da liquidación das contas correspondentes ao exercicio orzamentario de 2012. A liquidación someterase á aprobación da reunión do Consello Social que terá lugar esta mesma tarde. A Universidade da Coruña informará da liquidación unha vez que conte coa aprobación do Consello Social nunha nota de prensa mañá.
Entre outros puntos da sesión de hoxe, deuse o visto e prace a cinco novos títulos propios de posgrao que se implantarán o vindeiro curso académico. Na Facultade de Economía e Empresa impartirase o Curso de especialización en Xestión Empresarial da Innovación, con 25 créditos ECTS e entre 20 e 35 prazas de febreiro a xullo de 2014; o Curso de formación específica de posgrao en Innovación na empresa: I+D+MK, con 8 ECTS, coas mesmas prazas e o mesmo calendario que o anterior, e o Curso de formación específica de posgrao en Xestión integral da empresa innovadora, con 9 ECTS e mesmas prazas e calendario. Na Facultade de Informática ofertarase o Curso de especialización en Novos modelos de xestión empresarial a través da tecnoloxía, con 25 ECTS, de xaneiro a xullo de 2014 e entre 15 e 20 prazas. Finalmente, a Facultade de Ciencias da Comunicación implantará o vindeiro ano o Curso de formación específica de posgrao en Información e comunicación radiofónica, con 15 ECTS, de febreiro a xuño de 2014 e entre 22 e 30 prazas por grupo.
A sesión aprobou tamén outros puntos relativos a cuestións docentes. Na reunión desta mañá deuse conta así mesmo da ampliación do primeiro prazo de matrícula para os mestrados oficiais universitarios ata o 31 de xullo, http://www.udc.es/matricula.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000