Veinte proyectos de I+D de la UDC obtienen fondos FEDER-INNTERCONECTA

A Coruña, 19 de xullo de 2013.- A Universidade da Coruña acadou fondos do programa FEDER-INNTERCONECTA por un valor total de máis de tres millóns de euros para desenvolver vinte proxectos de transferencia de tecnoloxía.
Á convocatoria do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial, do Ministerio de Economía y Competitividad, e cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación, presentáronse un total de 79 propostas para desenvolver proxectos de I+D de alto impacto para o que era preciso concorrer baixo a forma de consorcio entre empresas e centros de investigación. Os vinte proxectos da Universidade da Coruña financiados céntranse en sectores estratéxicos como o ámbito da construción civil, no que participan investigadores da ETS de Camiños, Canais e Portos e o CITEEC; o sector da enxeñaría industrial e naval, con investigadores da Escola Politécnica Superior, da Escola Universitaria Politécnica e o CIT de Ferrol; da área das tecnoloxías da información e as comunicacións, coa implicación de investigadores da Facultade de Informática e do CITIC; así como do ámbito de ciencias, coa participación de investigadores da Facultade de Ciencias.
Os retos tecnolóxicos que se cobren con estes proxectos son moi variados. No ámbito naval propóñense innovacións mediante a construción de buques e outras estruturas off shore que incorporen melloras e aumento de novas tecnoloxías, como láser ou TIC. Estas melloras inclúen tanto os proceso produtivos, conformado térmico automático, por exemplo, como o desenvolvemento de novos produtos para a industria auxiliar do naval.
No ámbito da construción civil, búscase promover a construción sustentable mediante a valorización de residuos e subprodutos, como por exemplo, os residuos xerados pola industria papeleira ou as cunchas dos bivalvos, para a súa reutilización en formigóns, firmes de estrada e taludes, promover novos sistemas construtivos máis eficientes para contención de terras ou desenvolver novos produtos innovadores para lograr melloras nos sistemas de saneamento urbano.
Os proxectos vinculados coas tecnoloxías da información e as comunicacións inclúen aportacións en saúde, como a mellora das comunicacións médico e doente ou a telemedicina, mellora de procesos de aprendizaxe utilizando tecnoloxías propias de xogos, en xestión de persoal para a formación de equipos eficientes ou a mellora mediante TIC de procesos industriais.

 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000