La UDC colabora con la Marina Mercante y ANAVE para prácticas de alumnos

A UDC colabora coa Mariña Mercante e ANAVE para prácticas de alumnos

A Coruña, 19 de xullo de 2013.- O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, promoveu a colaboración coa Dirección Xeral da Mariña Mercante do Ministerio de Fomento e coa Asociación de Navieiros Españois, ANAVE, para garantir que os alumnos da ETS de Náutica e Máquinas poidan desenvolver a súa formación práctica. O principio de acordo no que participou tamén o reitor da Universidade de Cádiz, Eduardo González Mazo, está aberto a que se vaian incorporando o resto das universidades españolas en que se imparten as titulacións náuticas.
A colaboración materializouse onte coa sinatura dun texto por parte de ambos os dous reitores así como do director Xeral da Mariña Mercante, Rafael Rodríguez Valero, e o director de ANAVE, Adolfo Utor Martínez. As partes asinantes manifestaron a súa “vontade de colaboración na busca das mellores oportunidades para contribuír á formación profesional e práctica dos titulados universitarios da Coruña e Cádiz e, con iso, á óptima cualificación dos mariños mercantes españois”. Para facer efectivo este compromiso, “impulsarán as vías de colaboración entre as entidades asinantes e as empresas navieiras españolas na busca de oportunidades de formación práctica dos estudantes dos graos implicados, así como da formación dos egresados”.
A Dirección Xeral da Mariña Mercante ten encomendada, entre outras, a función de velar pola aplicación do Convenio de Formación, Titulación e Garda para a Xente do Mar. 1978, en base a estes termos deséñanse e expídense polas universidades os títulos profesionais que habilitan profesionalmente para a tripulación nos buques mercantes.
Pola súa parte, ANAVE é unha organización empresarial constituída coa finalidade de exercer a coordinación, representación, xestión, fomento e defensa dos intereses das empresas navieiras españolas.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000