A Coruña, 12 de xullo de 2013.- A Vicerreitoría de Relacións Internacionais e Cooperación da Universidade da Coruña organiza para o estudantado un curso de inmersión lingüística que se desenvolverá en español e inglés. Poderán participar alumnos estranxeiros que queiran profundizar mellor no coñecemento do español e españois que teñan como obxectivo ampliar a súa formación lingüística en inglés. Aínda que o curso non é só lingüístico pois se pretende, segundo informa a vicerreitora, Natalia Álvarez, que se intercambien experiencias e opinións sobre temas culturais, sociais e políticos de actualidade nos diversos países de orixe dos participantes.
Esta iniciativa, que se pon en marcha por primeira vez na Universidade da Coruña, durará entre o 5 e o 30 de agosto en horario intensivo de mañá, e está formada por tres módulos que se desenvolverán na Facultade de Dereito. Os alumnos foráneos terán un módulo de clases de español e o resto dos módulos serán sesións en común en que se debaterán e se tratarán temas de actualidade social en inglés.
Aínda que xa hai bastantes inscritos, sobre todo estranxeiros, o prazo de matrícula do curso está aberto e pode formalizarse na Oficina de Relacións Internacionais. Os participantes recibirán un diploma acreditativo así como o recoñecemento de créditos académicos, ECTS.
A Universidade da Coruña habilitou un espazo web con información sobre este novidoso curso: http://www.udc.es/ori/internacionalizacion/courses/immersion.html. Neste espazo dáse conta tamén de información de interese para os alumnos estranxeiros, como as opcións de aloxamento e as actividades de ocio na Coruña durante o mes de agosto.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000