A subdirectora de Proxectos do MINECO presentou o Plan de Investigación

A subdirectora de Proxectos do MINECO presentou o Plan de Investigación

A Coruña, 10 de xullo de 2013.- A subdirectora Xeral de Proxectos de Investigación do Ministerio de Economía y Competitividad (MINECO), Marina Villegas Gracia, presentou onte na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña o Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación. No acto estivo presente o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao; a xestora da área de Tecnoloxías Informáticas do MINECO, Nieves Rodríguez Brisaboa; o colaborador do xestor de Matemáticas do MINECO, Carlos Vázquez Cendón; e o adxunto á Vicerreitoría de Investigación e Transferencia, Horacio Naveiras Fachal.
Numerosos membros do persoal docente e investigador da Universidade da Coruña acudiron a este encontro, no que Marina Villegas realizou primeiro unha exposición sobre as liñas mestras do Plan Estatal de Investigación para 2013-2016 e avanzou os últimos datos dispoñibles polo seu departamento no que respecta ás próximas convocatorias de subvencións a proxectos de investigación, así como a previsión de financiamento tanto para investigación básica como para investigación aplicada prevista polo Ministerio de Economía y Competitividad.
A subdirectora xeral de Proxectos de Investigación destacou que en febreiro de 2013 se aprobou a estratexia española de ciencia, tecnoloxía e investigación, co obxectivo de dotar ao sistema de ferramentas e servizos máis competitivos a nivel internacional. Así, destacou que esta estratexia contempla catro obxectivos principais vinculados aos seus correspondentes programas estatais: a promoción do talento e a empregabilidade, o fomento da excelencia, o impulso ao liderado empresarial e o fomento da I+D+i orientada aos retos da sociedade.
No eido do programa estatal de promoción do talento e a empregabilidade enmárcanse os subprogramas de formación, mobilidade e incorporación de doutores. Neste eido, Marina Villegas indicou que se recuperarán os contratos postdoutorais e se manteñen os Ramón y Cajal. Engadiu que se fará fincapé nos doutoramentos industriais.
No relativo ao programa de fomento da investigación científica e técnica de excelencia, a subdirectora xeral sinalou que se fomentará a todo aquel que teña a vontade de acadar a excelencia e describiu os subprogramas e as convocatorias existentes dentro deste apartado. En primeiro lugar referiuse ao de xeración de coñecemento, no que se enmarcan os proxectos de investigación non orientados, nos que se valorarán tres aspectos fundamentais: a calidade dos proxectos, a calidade do grupo de investigación e o impacto sobre a ciencia e a tecnoloxía. Para as convocatorias deste subprograma contémplanse 88 millóns de euros en subvencións para proxectos de 2, 3 ou 4 anos. Tamén se enmarcan no eido do fomento da excelencia as convocatorias para proxectos Explora, nos que non se busca o éxito senón proxectos moi arriscados e audaces, de curta duración e reducido financiamento e que sexan rupturistas, cun apartado especial para os enmarcados nas tecnoloxías emerxentes (nanotecnoloxía, biotecnoloxía, TIC e Ciencias do Coñecemento). Tamén se reserva un millón de euros para os chamados proxectos de Excelencia Take Off, destinados aos investigadores que superaran a ERC pero non acadaron financiamento para os seus proxectos.
O terceiro programa é o de liderado empresarial en I+D+i, no que se pretende buscar todas as sinerxías posibles coa empresa, fundamentalmente con Pemes, e a colaboración público-privada. Marina Villegas indicou que para este programa non existen convocatorias concretas previstas, senón que se enmarcarán no cuarto e destacado programa denominado “Programa Estatal de I+D+i orientada aos retos da sociedade”. Neste programa enmarcaríanse as convocatorias para proxectos de investigación orientada directamente a aportar solucións a calquera dos retos definidos na estratexia. Estes retos abranguen todos os aspectos relativos a saúde, cambio demográfico e benestar; seguridade e calidade alimentarias, actividade agraria, recursos naturais e investigación mariña; enerxía segura, eficiente e limpa; transporte intelixente, sustentable e integrado; acción sobre o cambio climático e eficiencia na utilización de recursos e materias primas, así como cambios e innovacións sociais e economía e sociedade dixital, ademais de seguridade, protección e defensa. Este programa é o que conta con maiores recursos de financiamento, sumando un total de 183 millóns de euros en subvencións.
Durante a presentación realizada pola subdirectora xeral sucedéronse numerosas preguntas e dúbidas dos investigadores, sobre todo no relativo á apertura das convocatorias, fundamentalmente para proxectos de excelencia no coñecemento non orientados e para os orientados aos retos da sociedade. Marina Villegas admitiu que o proceso burocrático para poder dar luz verde a estas convocatorias é moi complexo e depende de diversos departamentos. En calquera caso, indicou a posibilidade de que as convocatorias se anuncien a finais de xullo ou primeiros de agosto e permanezan abertas ata mediados de setembro.
Tamén adiantou Villegas que está moi avanzado o proceso para a creación da Axencia Estatal de Investigación, coa expectativa de que poida estar funcionando a finais deste ano. Lembrou neste sentido que a vantaxe da existencia desta axencia é, entre outros aspectos, que se poderá mellorar a planificación dos proxectos xa que existirá a posibilidade de dispoñer de orzamentos plurianuais. Ademais, este órgano será moito máis independente, segundo indicaba a subdirectora xeral, e sen fiscalización previa, o que permitirá axilizar os procesos. A misión desta axencia é avaliar, financiar e verificar a actividade investigadora, científica e técnica que se desenvolve en España.
Por outra banda, referiuse ao Plan de Incentivación, que ten como obxectivo aumentar o número de propostas presentadas a Europa. Villegas sinalou que está en fase de preparación e que servirá para apoiar aos investigadores na difícil tarefa de solicitar, coordinar e desenvolver proxectos europeos. Así, dotarase ás universidades de unidades de apoio para a xestión da investigación, e outras medidas como o asesoramento na presentación de propostas e o impulso a empresas e plataformas.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000