A Coruña, 10 de xullo de 2013.- A asociación Women in Technology and Science (WITS), en colaboración coa Oficina do Parlamento Europeo en Irlanda vén de renderlle unha homenaxe á astrofísica irlandesa Jocelyn Bell Burnell, descubridora dos púlsares. Neste acto, que tivo lugar en Dublín, participou a pintora coruñesa Margarita Cimadevila, que presentou a exposición de pintura Ciencia Ex AEQUO, sobre mulleres científicas que non tiveron o debido recoñecemento.
A presentación, de carácter interactivo, foi realizada en colaboración coa Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña e amosada por primeira vez ao público neste acto. A Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña quixo unirse a esta homenaxe ás mulleres que tiveron que superar todo tipo de obstáculos para traballar na ciencia. Este documento permitirá achegar os contidos da exposición a colexios e institutos, contribuíndo deste modo a visibilizar o traballo das mulleres científicas e potenciar entre o alumnado o debate e a discusión sobre as cuestións de xénero, todo isto desde unha perspectiva novidosa en que se unen ciencia e arte.
No acto de homenaxe a Jocelyn Bell o ministro de investigación e innovación da República de Irlanda, Sean Sherlock, entregou á eminente astrofísica o cadro do que Cimadevila é autora, titulado “Jocelyn Bell púlsares” e que tivo precisamente como fonte de inspiración o traballo de investigación da profesora Bell.
A Oficina para a Igualdade de Xénero leva varios anos colaborando coa pintora Margarita Cimadevila en distintas actividades e proxectos. Na actualidade están a desenvolver materiais baseados na súa obra pictórica sobre muller e ciencia, para achegar a ciencia ás alumnas de secundaria.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000