A UDC unifica nun portal web a súa oferta de estudos

A Coruña, 10 de xullo de 2013.- A Universidade da Coruña puxo a disposición dos futuros estudantes un portal no que están unificados todos os estudos oficiais que se poden cursar o vindeiro ano académico nos campus da Coruña e Ferrol.
A plataforma http://estudos.udc.es/ que vén funcionando desde hai uns días pretende facilitar a busca de información aos futuros alumnos de tal xeito que elixan unha titulación sabendo exactamente o que se van atopar nas aulas universitarias. O portal inclúe unha descrición do que é cada carreira, así como as saídas profesionais máis frecuentes, tamén incorpora un apartado denominado “por que estudar esta titulación” e un folleto con información práctica como o número de créditos, contacto, materias por curso, etc. que se pode descargar facilmente e imprimir a demanda.
O menú do portal incorpora outras seccións como a de acceso e admisión ou orientación en que, ademais hai información sobre outros aspectos que non son estrictamente académicos, como as actividades culturais e deportivas que se poden realizar na Universidade da Coruña, as opcións de aloxamento existentes nos campus da Coruña e Ferrol, cursos de formación complementaria, como os que se imparten no Centro de linguas, ou como configurar os ordenadores portátiles para ter acceso á rede wifi da UDC. A complexa plataforma informa tamén da forma de goberno da Universidade da Coruña e das posibilidades de participación dos alumnos no mesmo. Así mesmo, dáse conta da función do Valedor Universitario para o colectivo universitario

 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000