A Coruña, 9 de xullo de 2013.- O Salón de Actos da Escola Universitaria Politécnica da Universidade da Coruña, no Campus de Ferrol, acollerá mañá mércores, 10 de xullo, ás 10:00 horas, a presentación da plataforma on-line, Travato, para interconectar empresarios alemáns e enxeñeiros navais e industriais españois. Detrás de Travato atópanse 64 empresas alemanas do sector da enxeñaría, metal e electrónica, con arredor de 17.000 traballadores. Segundo informan os representantes da plataforma que se presentará mañá na Escola de Serantes, só nestas empresas necesitarán nos vindeiros tres anos máis de 150 enxeñeiros nos ámbitos de vendas e mercadeo, e deseño de automatización e optimización de liñas SMD (Surface Mounted Device). Tamén segundo esta plataforma, a Asociación de Enxeñeiros Alemáns estima que hai arredor de 75.000 postos de enxeñaría vacantes no país xermano.
O portal www.travato.eu está dispoñible en español, inglés e alemán. O rexistro é totalmente gratuíto. O interesado introduce nun banco de datos o seu curriculum vitae, perfil profesional e documentos acreditativos; os perfís son comparados automaticamente cos criterios de busca das empresas e infórmase de xeito inmediato das ofertas existentes.
No caso de que haxa algunha contratación, a plataforma facilitará ao enxeñeiro español ademais de cursos de idiomas, axuda na busca de aloxamento e outros problemas cotiáns coa fin de facilitar a integración en Alemaña.
Os representantes do portal comezan con Ferrol o seu periplo por diversas universidades do norte de España.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000