A Coruña, 9 de xullo de 2013.- O Salón de Graos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña, no Campus de Elviña, acollerá mañá mércores, 10 de xullo, ás 12:30 horas, unha conferencia do profesor Enrique Castillo, catedrático da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade de Cantabria. O relatorio leva por título Unha proposta metodolóxica para racionalizar investimentos e reducir custos en infraestruturas de alta velocidade ferroviaria. Trátase dunha conferencia que aborda un tema de gran transcendencia técnica, xa que está centrada no estudo sobre a Vía Alternada Dobre-Simple para futuras liñas de alta velocidade. Esta proposta, elaborada por un equipo dirixido polo doutor Castillo e integrado por investigadores das Universidades de Cantabria e Castilla-La Mancha, abarata considerablemente os custos de construción e xestión do AVE, sen menoscabo para a seguridade nin os estándares de calidade.
A metodoloxía proposta no estudo permite definir novas liñas con criterios de deseño máis eficientes, xa que incorpora a posibilidade de que algúns dos tramos da rede sexan construídos en vía única. O traballo inclúe un diagnóstico da eficiencia da alta velocidade española, analizando o seu uso en relación coa magnitude da infraestrutura, así como as solucións alternativas á vía dobre cunha vía alternada que, ofrecendo uns tempos de viaxe similares, ten unha redución no custo arredor do 40%. Por último, aplícase esta metodoloxía a un corredor real, o de Palencia-Santander, analizando diversas opcións de vía alternada dobre-simple para diferentes niveis de demanda. A conclusión do estudo é que na actualidade a vía dobre é difícil de aceptar como solución máis adecuada e resulta máis razoable a alternada polo aforro que supón sen perda de prestacións para o usuario.
O profesor Enrique Castillo Ron, que é de orixe galega, é doutor enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, doutor en Ciencias Matemáticas, catedrático de universidade e membro de número das Reais Academias de Enxeñaría e de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. Foi profesor visitante en varias universidades de Reino Unido, Hungría, Suíza, Estados Unidos e América Latina, e impartiu conferencias en máis de 30 universidades estranxeiras. Tamén é autor dunhas 500 publicacións, que inclúen máis de 30 libros en inglés e castelán, artigos en máis de cen revistas científicas e numerosas contribucións en congresos e publicacións docentes. Obtivo numerosos galardóns como o Premio Nacional de Investigación Leonardo Torres Quevedo, Premio Guerra Rubio, Víctor de bronce ao Mérito Profesional, Premio Entrecanales, Premio Extraordinario de Doutoramento e Premio Proxecto Estrela. Foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidad de Oviedo e a Universidad de Castilla-La Mancha, e lle foron concedidas as medallas das Universidades de Castilla-La Mancha e Cantabria.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000