A Coruña, 9 de xullo de 2013.- A Universidade da Coruña, a través da recentemente creada Escola Internacional de Doutoramento, porá en marcha o próximo curso un programa de bolsas para estadías predoutorais no estranxeiro financiado pola empresa Inditex.
O reitor, Xosé Luís Armesto, e o presidente de Inditex, Pablo Isla, asinaron esta mañá na Reitoría un convenio polo que a empresa aportará 100.000 euros anuais en bolsas para que os estudantes matriculados nos programas de doutoramento na Universidade da Coruña poidan acadar a Mención Internacional na súa tese.
Armesto lembrou que os programas internacionais de doutoramento son unha peza esencial na construción dun Espazo Europeo de Investigación. “A colaboración entre doutorandos de distintos países é fundamental para mellorar a calidade da investigación, polo que a mobilidade internacional é necesaria para cumprir con ese obxectivo”, asegurou o reitor.
Aínda que esta é unha das finalidades principais, o programa de internacionalización de doutoramento servirá tamén, segundo explicou Armesto, para que os investigadores da Universidade da Coruña coñezan novas técnicas de traballo, novas infraestruturas e poidan acceder a fondos documentais non dispoñibles por outra vía.
Ademais da estancia internacional dun mínimo de tres meses no estranxeiro, a tese deberá contar co informe previo de dous expertos estranxeiros e no tribunal encargado de xulgala deberá haber, como mínimo, outro membro estranxeiro, distinto dos anteriores.
No convenio asinado esta mañá estipúlase que se creará unha comisión mixta entre a Universidade da Coruña e Inditex que se encargará de seleccionar e avaliar as solicitudes. Entre os criterios a valorar considerarase o expediente académico e o curriculum vitae do solicitante, o interese científico da estadía e do centro receptor e os curricula do director de tese e do investigador do centro receptor.
A Universidade da Coruña ofrece para o próximo curso 33 programas de doutoramento, dos cales once teñen Mención cara a excelencia e 21 son interuniversitarios.
O prazo de solicitude de admisión para os estudos de doutoramento é do 9 ao 27 de setembro na Oficina de Doutoramento. A Universidade elaborará a normativa pertinente para que os alumnos poidan acollerse a este novo programa de bolsas financiado por Inditex xa para o vindeiro curso.
Sobre a Escola Internacional de Doutoramento
A Escola Internacional de Doutoramento da Universidade da Coruña, EIDUDC está oficialmente constituída desde o pasado 27 de xuño. Con esa data entrou en vigor o Decreto 95/2013 de 13 de xuño, polo que se crean as escolas de doutoramento nas universidades do Sistema Universitario de Galicia. A Universidade da Coruña leva varios meses traballando na creación desta nova escola que reunirá toda a oferta de doutoramento nunha única entidade.
A creación da EIDUDC aprobouse en Consello de Goberno do pasado mes de decembro e tivo tamén o informe favorable do Consello Social e do Consello Galego de Universidades. O catedrático da área de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores, Ramón Doallo Biempica, é o director da Escola Internacional de Doutoramento. A creación desta nova Escola non suporá incremento de gasto para a Universidade da Coruña, xa que non contará con edificio propio senón que se integrará nas dependencias actuais da Sección de Estudos Oficiais de Posgrao, no Pavillón de Estudantes, no Campus de Elviña. Os equipos e laboratorios de investigación de que disporá a Escola serán asignados polos grupos de investigación, departamentos, centros universitarios e entidades colaboradoras, todos eles implicados nos programas de doutoramento adscritos á Escola.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000