O CITIC organiza unha reunión de expertos patrocinada pola OTAN

Cunha duración de dous días, neste encontro participarán expertos internacionais procedentes de Canadá, Alemaña, Turquía e España
O CITIC participa en importantes proxectos de desenvolvemento de tecnoloxías inarámicas de próxima xeración para ámbitos como o ferroviario ou defensa

A Coruña, 08 de xullo de 2013. Mañá 9 de xullo dará comezo no CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña) a reunión de traballo do grupo de expertos IST ET-068 “LTE vs WiMAX for military applications” promovida pola axencia Research and Technology Organization (RTO), organismo dependente da OTAN que se encarga de promover o intercambio científico entre os países membros. Nela participarán varios investigadores da área Comunicacións Inarámicas do Centro, encabezados por Luis Castedo, investigador principal desta liña de investigación.

O obxectivo do grupo de expertos é realizar un estudo técnico sobre a viabilidade de tecnoloxías inarámicas de cuarta xeración (4G) por exemplo LTE ou WiMAX, para proporcionar conectividade de banda ancha en escenarios tácticos. A reunión é continuación doutra xa celebrada en París en novembro de 2012 e prevese que o grupo de expertos faga públicas as conclusións do seu estudo ao longo de 2013.

Participación internacional
Neste encontro, que se prolongará ata o día 10 de xullo, asistirán expertos de diferentes empresas internacionais como Communication Research Centre (Canadá), Havelsan (Turquía) e Indra Sistemas S.A. (España), ademais de Centros de Investigación europeos como Fraunhofer (Alemaña). Deste xeito o CITIC vai consolidando a súa rede de colaboradores internacionais, referendada na súa participación en diferentes convocatorias de investigación europeas.

Para Luis Castedo, investigador principal da área de Comunicacións Inarámicas do CITIC, este tipo de encontros e reunións de traballo “son de grande importancia para un Centro como o CITIC, non só polos temas que se abordan, tamén pola magnitude dos asistentes. Acoller e participar nunha iniciativa destas características dá unha gran proxección aos traballos que estamos desenvolvendo, situándonos entre os Centros de maior prestixio a nivel internacional polas nosas capacidades”.

Sobre o CITIC
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) é o Centro Tecnolóxico impulsado pola Universidade da Coruña para fomentar o I+D+i aplicado nas TIC. Supón un punto de encontro entre Universidade e Empresa no que se combinan departamentos de I+D de empresas con investigadores universitarios, constituíndo un entorno mixto que posibilita a colaboración e a transferencia de coñecementos.

Nel traballan máis de 250 investigadores distribuídos en 12 áreas tecnolóxicas de actividade. Entre as súas actividades atópanse a transferencia tecnolóxica e do coñecemento, o desenvolvemento de Proxectos de I+D, a vixilancia tecnolóxica ademais de potenciar a innovación empresarial e a relación Universidade-Empresa.
http://citic-research.org

Para descargar fotos do CITIC:
http://citic-research.org/sala_de_prensa/galeria_fotografica

 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000