A Asociación de Economía da Educación celebra unhas xornadas en Economía

A Coruña, 3 de xullo de 2013.- A Facultade de Economía e Empresa acollerá mañá xoves, 4 de xullo, e o venres 5 de xullo as XXII Xornadas da Asociación de Economía da Educación. O acto de apertura celebrarase mañá xoves ás 9:30 horas no Salón de Graos desta facultade e contará coa asistencia do concelleiro de Facenda do Concello da Coruña, Roberto Coira, así como o decano do centro, Anxo Calvo, e a presidenta da Asociación da Economía da Educación, Isabel Neira. Neste encontro participarán arredor de cen profesores de 60 universidades españolas e doutros países europeos como Francia, Italia, Bélxica ou Alemaña, e americanos como Arxentina, Chile, Colombia ou México, ademais de Estados Unidos. Á clausura do encontro, que se celebrará o venres, 5 xullo, ás 18:00 horas tamén no Salón de Graos da facultade, está prevista a asistencia do vicerreitor de Profesorado, Gustavo Rego.
Entre os patrocinadores destas xornadas atópanse, ademais da Universidade da Coruña, o Instituto Nacional de Avaliación Educativa, o Instituto de Estudos Fiscais e a Fundación Barrié de la Maza, que acollerá unha das conferencias, concretamente a do relator Geraint Johnes, da Universidade de Lancaster, en Reino Unido. O outro relatorio destacado neste encontro é o que pronunciará o director do Instituto Nacional de Avaliación Educativa, Ismael Sanz, que falará sobre os indicadores da OCDE e o panorama da educación en 2013, facendo un repaso sobre os beneficios sociais e económicos da educación.
Máis información:
http://2013.economicsofeducation.com/es/programme/
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000