A Coruña, 3 de xullo de 2013.- A Escola Internacional de Doutoramento da Universidade da Coruña, EIDUDC está oficialmente constituída desde o pasado 27 de xuño. Con esa data entrou en vigor o Decreto 95/2013 de 13 de xuño, polo que se crean as escolas de doutoramento nas universidades do Sistema Universitario de Galicia. A Universidade da Coruña leva varios meses traballando na creación desta nova escola que reunirá toda a oferta de doutoramento nunha única entidade. A creación da EIDUDC aprobouse en Consello de Goberno do pasado mes de decembro e tivo tamén o informe favorable do Consello Social e do Consello Galego de Universidades. O catedrático da área de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadoras, Ramón Doallo Biempica, é o director da Escola Internacional de Doutoramento.
Actualmente, a Universidade da Coruña oferta 42 programas de Doutoramento, once dos cales con Mención cara a Excelencia e seis deles interuniversitarios. No vindeiro curso espérase chegar aos 18 programas de Doutoramento interuniversitarios. O número de teses de Doutoramento defendidas na Universidade da Coruña desde o ano 1990 ascende a 1.294, o que significa o 9,6 por mil de todas as teses defendidas en España, que se corresponde adecuadamente co tamaño da entidade académica coruñesa. A evolución anual dos números de teses defendidas foi medrando, partindo das catro no curso 1990/1991, ata acadar no curso 2011/2012 o número de 115.
Un dos aspectos nos que se quere facer énfase coa creación da Escola Internacional de Doutoramento, segundo explicou no seu día Ramón Doallo, é facer unha oferta fundamentada na demanda social e orientada á internacionalización. Por iso, a creación da Escola Internacional de Doutoramento incorporará un Comité Asesor Internacional e implicará, así mesmo, a outras entidades do tecido social e industrial de Galicia que poidan intervir na promoción de graduados universitarios.
A creación desta nova Escola non suporá incremento de gasto para a Universidade da Coruña, xa que non contará con edificio propio senón que se integrará nas dependencias actuais da Sección de Estudos Oficiais de Posgrao, no Pavillón de Estudantes, no Campus de Elviña. Os equipos e laboratorios de investigación de que disporá a Escola serán asignados polos grupos de investigación, departamentos, centros universitarios e entidades colaboradoras, todos eles implicados nos programas de doutoramento adscritos á Escola.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000