A Coruña, 4 de xuño de 2013.- A spin off de base tecnolóxica da Universidade da Coruña Appentra Solutions, actualmente no viveiro de empresas, vén de recibir un fondo NEOTEC concedido polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial, dependente do Ministerio de Economía, polo que se canalizan as solicitudes de financiamento e apoio aos proxectos de I+D+i de empresas españolas nos ámbitos estatal e internacional. A contía do fondo ascende a 356.928 euros, que se destinarán ao desenvolvemento e comercialización a nivel internacional do produto software deseñado por Appentra.
Esta empresa foi constituída en xullo de 2012 co fin de prover ao mercado de novas ferramentas software que permitan un uso extensivo de técnicas de computación de alto rendemento (HPC -High Performance Computing-) en todos os ámbitos da enxeñaría, ciencia e industria, con aplicación en sectores de actividade como o aeroespacial, automoción, enxeñaría civil, farmacéutico, biomedicina e química.
Tras varios meses de preparación, esta spin off acadou este importante fondo que só se concede a empresas de base tecnolóxica con liñas de I+D propias e que teñan unha estratexia de negocio baseada no dominio intensivo do coñecemento científico e técnico. Deste xeito, Appentra poderá cubrir os seus obxectivos estratéxicos na fase de arranque da empresa, un logro polo que a dirección da empresa séntese plenamente satisfeita, xa que ve respaldada a súa estratexia de financiamento, que inclúe iniciar unha primeira rolda de financiamento externo no último trimestre de 2013 onde daría entrada a capital privado.
O produto deseñado por Appentra denomínase ParallWare, e se trata dun software pioneiro no mundo para automatizar a aceleración dos cálculos en aplicacións de simulacións que teñen altas necesidades computacionais e que precisan cambios frecuentes para mellorar as funcionalidades existentes ou para incorporar novas funcionalidades. O gran reto que aborda Appentra con este novo produto é a paralelización automática de aplicacións secuenciais xerando un programa paralelo correcto que produza un resultado equivalente ao do programa secuencial.
A estratexia de I+D de Appentra baséase na adaptación e aplicación da súa exclusiva tecnoloxía a outros tipos de sistemas computación de altas prestacións (HPC) amplamente utilizados no mercado. Este proceso de evolución da súa tecnoloxía exclusiva virá acompañado do deseño, desenvolvemento e comercialización de novos produtos innovadores que cubran necesidades reais de diferentes segmentos do mercado HPC.
Máis información:
http://www.udc.es/otri/empresas_base_tecnoloxica/viveiro_empresas/Appentra.html
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000