O reitor inaugura o luns o curso de galego para estranxeiros

A Coruña, 28 de xuño de 2013.- O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, inaugurará o luns, 1 de xullo, ás 10:00 horas, na Sala de Consello de Goberno, na Reitoría, o VI Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Persoas Estranxeiras. No acto estarán presentes tamén o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; o secretario xeral da Universidade da Coruña, Carlos Amoedo Souto, e o director do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Xosé Ramón Freixeiro Mato. Tras a inauguración procederase á presentación do curso, que se dividirá en catro semanas lectivas, entre o 1 e o 24 de xullo, día no que se celebrará a clausura oficial, presidida tamén polo reitor.
Os alumnos, un total de 19, proceden de diversos puntos de España, como Alacante, Madrid, Pamplona ou Barcelona, e doutros lugares como Brasil, Portugal, República Checa, Alemaña, Romanía, Austria e Italia.
O curso, cofinanciado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, desenvolverase na Aula de Lingua da Facultade de Filoloxía, agás unha das sesións o obradoiro de gastronomía e pastelaría tradicional galega, que se celebrará no Instituto de Ensino Secundario Paseo das Pontes. É que ademais das sesións teóricas estas xornadas inclúen diversos obradoiros como o xa mencionado de gastronomía ou os de teatro e de música e danza tradicional galega. Tamén se realizarán varias visitas a lugares representativos de Galicia como a Costa da Morte ou Santiago de Compostela.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000