Aberta a convocatoria para as prazas da residencia universitaria de Ferrol

A Coruña, 27 de xuño de 2013.- A Universidade da Coruña vén de sacar a convocatoria de prazas para estudantes nos aloxamentos universitarios para o vindeiro curso 2013/2014, tanto na residencia pública Soutomaior, en Ferrol, como na concertada Rialta, en Coruña.
A Residencia Pública Universitaria Soutomaior, localizada na rúa Sánchez Barcaiztegui, en Ferrol, ofrecerá un total de 22 prazas, 16 delas en habitacións individuais e 6 en habitacións dobres. O cuarto dobre terá un prezo de 70 euros ao mes e o cuarto individual de 100 euros ao mes, incluídos os consumos de calefacción e electricidade.
No caso da residencia concertada Rialta, as 140 prazas subvencionadas en cuartos dobres están en función da puntuación total conforme aos criterios académicos e económicos da persoa solicitante, establecéndose dous tramos; un deles, con 50 prazas a un prezo de 75 euros ao mes e o outro, de 90 prazas, cun custo de 125 euros ao mes, sen incluír os consumos individuais de calefacción, electricidade e teléfono.
A duración das axudas da Universidade da Coruña abranguen desde o 8 de setembro ao 8 de xuño no caso de estudantes que cursen estudos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, e do 22 de setembro ao 22 de xuño para o alumnado que realice estudos con plans antigos.
O prazo de presentación de solicitudes, aberto desde hoxe, remata o día 22 de xullo ás 14:00 horas. A documentación presentarase na Sección de Bolsas, no Pavillón de Estudantes, Campus de Elviña; e no SAPE, rúa Dr. Vázquez Cabrera, en Esteiro, Campus de Ferrol.
A concesión das prazas farase tendo en conta a puntuación académica e a económica de cada solicitante. Poderá concederse ademais unha puntuación adicional no caso de persoas con discapacidade.
Máis información:
http://www.udc.es/admision_bolsas/axudas/bolsasUDC/2013/aloxamentos20132014.html

 


 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000