A Normativa de permanencia inclúe a desistencia por causas sobrevidas

A Coruña, 26 de xuño de 2013.- O Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou esta mañá a Normativa de estudantes de grao e mestrado, negociada cos representantes de estudantes e aprobada pola comisión de planos de estudos e que agora terá que ser ratificada polo Consello Social para que entre en vigor. Esta normativa de permanencia dos estudantes é consecuencia do Real Decreto 1393/2007 modificado polo 861/2010 de 2 de xullo que regula a estrutura e xestión dos ensinos de grao e mestrado universitarios.
A intención da mesma é compatibilizar o estudo do alumnado co adecuado aproveitamento dos fondos públicos, promovendo o progreso e un maior rendemento académico, así como axustar a matrícula aos créditos que realmente un estudante pode razoablemente superar conforme ás condicións de traballo que establece o novo marco europeo de educación superior.
A normativa recolle unha das medidas anunciadas xa polo reitor, Xosé Luís Armesto, cando deu a coñecer a creación do novo Fondo Social da Universidade da Coruña. Os alumnos poderán solicitar a desistencia parcial de matrícula, correspondente a materias do segundo cuadrimestre, motivada por causas sobrevidas. A súa estimación poderá levar consigo a devolución do importe pagado en concepto de matrícula ou a exención do pagamento fraccionado dos prazos que faltasen por abonar. Ademais, no expediente académico do estudante constarán todas as materias do primeiro cuadrimestre coas cualificacións obtidas e só aquelas outras materias do segundo cuadrimestre coas notas acadadas, para evitar que, no caso de que retomen os estudos nun futuro, teñan que abonar recargo por elas.
A Normativa recolle tamén que os estudantes de grao deberán superar como mínimo no primeiro curso doce créditos, se a matrícula é a tempo completo, e seis se é parcial. No caso dos mestrados, o mínimo serán 18 e 12 créditos, respectivamente. O número máximo de convocatorias dun estudante será de catro para cada materia de grao e dúas para cada materia de mestrado.
O Consello de Goberno tratou outros puntos da orde do día de xestión académica e de profesorado que obtiveron tamén o visto bo.
A sesión comezou ás 9:30 horas e rematou pasadas as 12:00 horas. Ás 11:00 da mañá, un grupo de traballadores e estudantes da Universidade da Coruña concentráronse ante a Reitoría, e entraron posteriormente ata as portas da sala onde estaba a celebrarse o Consello de Goberno, para protestar polo recorte salarial imposto pola Xunta de Galicia a todo o persoal universitario.
A protesta estaba convocada pola Xunta de Persoal e o Comité de Empresa do Persoal de Administración e Servizos. No comunicado enviado polos convocantes xustifican esta convocatoria en que “a comunidade universitaria e os reitores á súa fronte non podemos quedar impasibles ante o recorte dos dereitos retributivos que as universidades teñen recoñecidos ao seu persoal, e asumir como inevitable un recorte inxusto cando non son as universidades as que xeraron o déficit orzamentario, e menos cando quen está a incumprir é a Xunta de Galicia ao transferirlles ás universidades menos cartos do que marca a lei de financiamento das universidades do Sistema Universitario Galego”.
Pola súa parte, os reitores das tres universidades galegas emitiron un comunicado o pasado 13 de xuño no que manifestaron “o seu enérxico rexeitamento a rebaixa salarial imposta pola Xunta de Galicia e recollida na Lei 2/2013 de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013 aprobada polo Parlamento de Galicia”. “A rebaixa salarial imposta polo goberno de Galicia supón un novo ataque ás traballadoras e traballadores públicos de Galicia que se suma aos xa realizados polos gobernos do estado e autonómico nos últimos anos”, continuaban os reitores. Finalmente, recordaron que “a lei é de obrigado cumprimento para as institucións públicas e para as universidades en particular, aínda que, como no caso desta rebaixa salarial o desacordo sexa profundo, de fondo e forma. Todas as leis deben cumprirse, tamén aquelas que garanten a igualdade de oportunidades e as que encomendan aos poderes públicos a defensa do acceso á cultura e a promoción da ciencia en beneficio da sociedade”.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000