A Coruña, 19 de xuño de 2013.- O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, investirá co grao de Doutor Honoris Causa a Johanna Elisabeth Van Bruggen e a Thomas J.R. Hughes nun acto que terá lugar este venres, 21 de xuño, no Paraninfo da Maestranza, ás 12:00 horas.
Previamente, ás 10:30 horas do venres, o reitor, Xosé Luís Armesto, os novos honoris causa Johanna Elisabeth Van Bruggen e Thomas J.R. Hughes e os seus padriños, Sergio Santos del Riego e Fermín Navarrina, respectivamente, atenderán aos medios de comunicación nunha rolda de prensa que terá lugar na Sala de Prensa da Reitoría.
A proposta de nomeamento de Johana Elisabeth Van Bruggen partiu do departamento de Ciencias da Saúde en recoñecemento aos seus méritos no impulso da terapia ocupacional, sendo un dos seus máis importantes valedores internacionais. A laudatio recaerá no doutor Sergio Santos del Riego. A xunta da Facultade de Ciencias da Saúde aprobou por unanimidade esta proposta.
A Profesora Johanna Elisabeth Van Bruggen obtivo os títulos de Bachelor degree of Occupational Therapy (1969, Amsterdam) e Bachelor degree of Social Pedagogy (1979, Amsterdam). No ano 1975 comezou a súa carreira como profesora de terapia ocupacional na University of Professional Education in Amsterdam. Neste ámbito, ten desenvolvido un intenso labor de extensión e afianzamento académico da terapia ocupacional.
Entre 1991-1999, foi Presidenta do Consello Europeo de Terapeutas Ocupacionais (COTEC). No ano 2001 foi nomeada directora executiva da Rede Europea de Terapia Ocupacional no Ensino Superior (ENOTHE), onde impulsou decisivamente o desenvolvemento da profesión no contexto internacional.
Desde a dirección da ENOTHE e a dirección para a Comisión Europea do Proxecto Tuning, traballou intensamente na implementación do proceso de Bolonia en diferentes titulacións nas universidades europeas e, moi especialmente, na titulación de terapia ocupacional. Desde o ano 2000, adquiriu ampla experiencia na participación e dirección de múltiples proxectos financiados pola Comisión Europea no marco educativo de ERASMUS, SOCRATES, TEMPUS, entre outros. Cabe resaltar tamén o seu papel impulsor da creación dos estudos de Terapia Ocupacional nos países de Europa central e do leste.
No ano 2006, obtivo o recoñecemento da Federación Mundial de Terapeutas Ocupacionais (WFOT) pola súa contribución á profesión. Foi investida como Doutora honoris causa en Ciencias pola Universidade de Brighton (Reino Unido) no ano 2008, testemuño do recoñecemento aos seus méritos no impulso da terapia ocupacional.
En canto á súa contribución ao desenvolvemento da disciplina da terapia ocupacional en España, o seu posicionamento foi decisivo para a transición da Diplomatura ao Grao de terapia ocupacional. Neste contexto, Bruggen vén brindando o seu apoio á Universidade da Coruña e a Galicia –pioneira e referente na implementación do Grao en Terapia Ocupacional en España– como pon de manifesto a designación da Universidade da Coruña como sede do XV encontro anual da ENOTHE no ano 2009. O seu compromiso transcende o eido da terapia ocupacional e céntrase no empoderamento das persoas en situación de vulnerabilidade para a participación social polo que desenvolve diversas accións, tales como: investigadora Principal do Proxecto europeo titulado Competences for Poverty Reduction (COPORE), con más de 14 socios en diferentes países; Directora da ONG europea, NGO Facilitation and Participation of Disadvantaged Groups (FAPADAG).
Na actualidade, está involucrada no African Higher Education Harmonisation Project (no marco da Declaración EU-AU, junio de 2011) e imparte docencia na School of Occupational Therapy, Dalhousie University, Canada.
Thomas J.R. Hughes
A proposta do nomeamento de Thomas J.R. Hughes partiu do departamento de Métodos Matemáticos e de Representación “polas súas extraordinarias aportacións no ámbito da mecánica computacional” e do departamento de Tecnoloxía da Construción, aos que se sumaron, despois, o departamento de Computación, o departamento de Matemáticas, e o departamento de Medicina, así como o departamento de Matemática Aplicada II da Universidade de Vigo e o departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. A proposta contou coas adhesións da Sociedade Española de Métodos Numéricos, o Instituto Biomédico da Coruña (INIBIC), o departamento de Medicina da Universidade da Coruña e profesores coruñeses que se beneficiaron do maxisterio do novo Honoris Causa como Carlos Alberto Figueroa Álvarez profesor no King´s Collegue; Héctor Gómez Díaz, investigador Starting Grant da UDC, e Rubén Juanes, profesor no Massachussets Institute of Technology (MIT).
O departamento solicitante acordou tamén nomear ao doutor Fermín Navarrina como padriño do novo doutor. Así mesmo, a Xunta da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos acordou por unanimidade apoiar esta proposta.
O Profesor Thomas J.R. Hughes obtivo os títulos de Bachelor of Engineering (B.E.) e Master of Engineering (M.E.) en Enxeñaría Mecánica polo Pratt Institute (New York), e posteriormente os títulos de Master of Science (M.S.) en Matemáticas e Doutor (Ph.D.) en Ciencias da Enxeñaría pola Universidade de California en Berkeley.
Comezou a súa carreira profesional como enxeñeiro de deseño mecánico en Grumman Aerospace e posteriormente como enxeñeiro de investigación e desenvolvemento doutras empresas.
Despois de realizar o doutoramento incorporouse ao claustro de profesores da Universidade de Berkeley. Posteriormente trasladouse ao Instituto de Tecnoloxía de California (Caltech) e a continuación á Universidade de Stanford, antes de incorporarse á Universidade de Texas en Austin. En Stanford foi Director da División de Mecánica Aplicada, Director do Departamento de Enxeñería Mecánica e Director da División de Mecánica e Computación, e ocupou a Cátedra Mary and Gordon Crary de Enxeñería. Actualmente é Profesor de Enxeñería Aeroespacial e de Mecánica en Enxeñería e ocupa a Cátedra III de Matemática Aplicada e Computacional no Instituto para a Enxeñería Computacional e as Ciencias (ICES) da Universidade de Texas en Austin.
O Profesor Hughes é un dos autores máis amplamente citados en Mecánica Computacional. Foi identificado polo ISI como un dos 15 autores máis citados da actualidade en Computación Científica e como un dos 100 autores máis citados da historia en todos os campos da Enxeñería. Segundo Publish or Perish, con data 1 de setembro de 2010 os traballos do Profesor Hughes foran citados 34.408 veces en total, e o valor do seu índice h era 80. Os seus múltiples intereses como investigador inclúen o desenvolvemento de tecnoloxías de simulación personalizada para pacientes de enfermidades cardiovasculares, os métodos variacionais multiescala para fluxos complexos en fluídos e turbulencia e a Análise Isoxeométrica: métodos xeometricamente exactos en mecánica computacional cuxo obxectivo é unificar as metodoloxías de deseño asistido por ordenador e de análise na Enxeñería. É un feito que o labor de investigación do Profesor Hughes tivo un impacto excepcional a nivel global tanto no mundo académico como no da industria e moitas das súas contribucións deron lugar a campos enteiramente novos de investigación e desenvolvemento.
O Profesor Hughes recibiu o Premio Walter L. Huber á Investigación en Enxeñería Civil e a Medalla von Karman da Asociación Americana de Enxeñeiros Civís (ASCE), as Medallas Melville, Worcester Reed Warner e Timoshenko da Sociedade Americana de Enxeñeiros Mecánicos (ASME), a Medalla Von Neumann da Sociedade de Mecánica Computacional dos Estados Unidos de América (USACM), a Medalla Gauss-Newton da Sociedade Internacional de Mecánica Computacional (IACM), o Premio de Mecánica Computacional da Sociedade Xaponesa de Enxeñeiros Mecánicos, o Gran Premio da Sociedade Xaponesa de Enxeñería e Ciencia Computacional e o Premio de Investigación Humboldt para Científicos Sénior da Fundación Alexander von Humboldt.
É membro da Academia de Ciencias dos Estados Unidos de América, da Academia de Enxeñería dos Estados Unidos de América, da Academia Americana de Artes e Ciencias, da Academia de Medicina, Enxeñería e Ciencia de Texas, da Royal Society, e tamén pertence (en calidade de membro estranxeiro) á Academia Austríaca de Ciencias (Sección de Matemáticas e Ciencias Físicas) e ao Istituto Lombardo Accademia dei Scienze e Lettere (Sección de Matemáticas).
Foi investido como Doutor honoris causa pola Université Catholique de Louvain, pola Università degli Studi dei Pavia, pola Università degli Studi dei Padova, pola Norwegian University of Science and Technology e pola Northwestern University. Ocupou a Cattedra Galileiana na Scuola Normale Superiore de Pisa en 1999 e a Eshbach Professorship na Northwestern University en 2000.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000