As universidades galegas organizan unha xornada sobre xénero e crise

A Coruña, 17 de xuño de 2013.- As Oficinas de Igualdade das tres universidades galegas organizan a I Xornada Universitaria Galega en Xénero, que terá lugar os días 20 e 21 de xuño en Santiago de Compostela, cos roles de xénero en tempos de crise como eixo central. Esta xornada nace con vocación de continuidade e cada ano achegarase aos temas de xénero dende perspectivas distintas cunha visión multidisciplinar.
Nun momento de crise económica, financeira, social e cultural como o actual, a xornada concentrarase este ano en reflexionar sobre as repercusións desta crise nos roles de xénero, abordando tres temáticas principais, cada unha delas coordinada por unha universidade. A Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña coordinará a área de Mulleres e mercado laboral, mentres que a da Universidade de Santiago de Compostela concentrarase na de Políticas públicas de igualdade e a Universidade de Vigo na Corresponsabilidade de conciliación.
Os obxectivos destas xornadas, que contan coa colaboración da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo, é crear un punto de encontro e intercambio para aproveitar as sinerxias do persoal docente e investigador do Sistema Universitario Galego, impulsar o debate sobre os cambios nos roles de xénero no momento actual, visibilizar as investigacións relacionadas coas temáticas da Xornada e promover a creación de redes de investigación interuniversitarias e multidisciplinares con perspectiva de xénero. As actividades programadas abranguen desde as conferencias ata as mesas redondas e as sesións póster, nas que se procederá á presentación das comunicacións relacionadas coas temáticas da xornada. Máis información: http://www.udc.es/actualidade/eventos/2013/06/enxenero.html
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000