Comunicado do SUG sobre a rebaixa salarial imposta pola Xunta

13 de xuño de 2013.- As universidades do sistema universitario galego desexan expresar o seu enérxico rexeitamento a rebaixa salarial imposta pola Xunta de Galicia e recollida na Lei 2/2013 de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013 aprobada polo Parlamento de Galicia e publicada no DOG o día 28 de febreiro de 2013.
A rebaixa salarial imposta polo goberno de Galicia supón un novo ataque ás traballadoras e traballadores públicos de Galicia que se suma aos xa realizados polos gobernos do estado e autonómico nos últimos anos. Detrás destes ataques, que se fundamentan desde os gobernos sobre a necesidade de axustes orzamentarios, atópase unha base ideolóxica que persegue a minoración do público en beneficio doutras iniciativas. A diminución dos salarios, a paralización das convocatorias de emprego ou a consideración das traballadoras e traballadores públicos como un sector privilegiado son só un chanzo máis no desprestixio do público.
Este ataque concéntrase dun xeito especial no ensino público, que se desprestixia a través da descualificación do persoal, da minoración dos seus salarios, do incremento da súa carga de traballo, do deterioro das súas condicións laborais e da posta en cuestión da súa calidade ou excelencia. No caso das universidades estes feitos engádense aos recortes en investigación e á aplicación indiscriminada de normas e leis orzamentarias que mesmo dificultan a captación de recursos externos. Ademais o estudantado, e particularmente aquelas e aqueles con menos recursos económicos, a parte máis feble da comunidade universitaria, sofre a diminución das bolsas de estudo.
Nesta situación, é preciso facer visible a unidade de actuación das tres universidades do sistema universitario de Galicia. Primeiro, no rexeitamento común destas medidas. En segundo lugar na aplicación homoxénea do axuste retributivo.
A lei é de obrigado cumprimento para as institucións públicas, e para as universidades en particular, aínda que, como no caso desta rebaixa salarial o desacordo sexa profundo, de fondo e de forma. Todas as leis deben cumprirse, tamén aquelas que garanten a igualdade de oportunidades e as que encomendan aos poderes públicos a defensa do acceso á cultura e a promoción da ciencia en beneficio da sociedade. As medidas emanadas de conxunturas orzamentarias non deberían ir en contra destas normas fundamentais sobre as que existe un consenso social.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000