A Coruña, 13 de xuño de 2013.- O catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña e fundador do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais, ESOMI, Antonio Izquierdo Escribano, coordina xunto co presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o Seminario Internacional "Migracións e memoria histórica", que se celebrará no Consello da Cultura Galega hoxe xoves, 13 de xuño, e mañá venres 14 de xuño.
O obxectivo xeral do seminario é avaliar as repercusións migratorias, identitarias, xurídicas e políticas da Lei da Memoria Histórica (2009-2011). Para iso, será necesario tamén coñecer a magnitude das correntes migratorias desde Galicia cara outros países, especialmente de América, así como os exilios políticos provocados pola derrota republicana na guerra civil.
O seminario estrutúrase en tres grandes bloques. No primeiro examinaranse os aspectos xurídicos, institucionais e históricos da Lei da Memoria Histórica e as súas repercusións en España durante os últimos anos. No segundo bloque examinaranse exemplos de lugares de destino para a emigración e o exilio de españois en América e no terceiro bloque presentaranse os primeiros resultados de investigación sobre inmigración e memoria histórica que dirixe Antonio Izquierdo.
A inauguración terá lugar hoxe ás 9.30 horas e as sesións de traballo abriranse ás 10.00 horas coa conferencia de Aurelio Miras Portugal, director xeral de Migracións, que versará sobre as institucións e asociacións dos españois no mundo. A conferencia de clausura terá lugar o venres ás 13.00 horas, e correrá a cargo de Javier Garciadiego, director do Colegio de México, que falará sobre o exilio español en México e as súas repercusións na cultura hispanoamericana. Entre os relatores figura asemade Francisco Caamaño, catedrático de Dereito Constitucional, deputado no Parlamento de Galicia e ex ministro de Xustiza, que falará sobre a xestación da Lei da Memoria Histórica en España.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000