A Coruña, 11 de xuño de 2013.- O Salón de Actos da Facultade de Ciencias acollerá mañá mércores, 12 de xuño, ás 12:30 horas, a conferencia do antigo alumno da época do Colexio Universitario da Coruña (hoxe Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña), o profesor Pedro Muiño, actualmente Professor of Physical Chemistry na Saint Francis University en Pennsylvania, onde é tamén director da Oficina de Ética na Investigación e decano de Educación Xeral. Pronunciará unha conferencia titulada Tryptophan as a probe of protein structure: understanding quantum yields in protein spectroscopy.
O profesor Muiño é licenciado en Química pola Universidade de Santiago (1989) e Doutor en Química Física pola Montana State University (1993), onde traballou en espectroscopía de indoles. Disfrutou unha bolsa postdoutoral do Ministerio de Educación e Ciencia na University of Washington, estudando interaccións en colisións entre átomos e iones. Traballou na Kansas State University como Assistant Professor (1995-2000), e posteriormente na Saint Francis University, primeiro como Assistant Professor (2000-2003), de 2003 a 2009 como Associate Professor e dende 2009 como Full Professor. Ten sido científico investigador na Oficina do inspector xeral da Fundación Nacional da Ciencia (National Science Foundation) en 2008. Na actualidade tamén é director da Oficina de Ética na Investigación e decano de Educación Xeral en Saint Francis University. É autor dun importante número de publicacións científicas e ponencias.
A conferencia versará sobre o aminoácido triptófano (Trp), que amosa unha estructura electrónica que o fai moi sensible á natureza do seu microentorno. A espectroscopía e os cálculos de dinámica molecular indican como o microentorno afecta a frecuencia da luz absorbida e emitida polo Trp. Dado que a grande variabilidade do rendimento cuántico (0.001 - 0.3) en proteínas non está ben explicada, mediante experimentos e modelos computacionais explorouse a posibilidade de que os baixos rendementos cuánticos se poidan explicar mediante transicións internas desde un estado proto-fluorescente a outro estado caracterizado pola transferencia electrónica a un grupo amido.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000