Reitor, alcalde e conselleiras asinan o protocolo da residencia de Ferrol

Reitor, alcalde e conselleiras asinan o protocolo da residencia de Ferrol

A Coruña, 10 de xuño de 2013.- O reitor, Xosé Luís Armesto, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, asinaron esta mañá o protocolo polo que a Universidade da Coruña disporá da súa primeira residencia universitaria en Ferrol para o vindeiro curso. O acto, que tivo lugar no Concello de Ferrol, contou coa presenza tamén da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres.
O protocolo contempla a cesión provisional do centro de menores Soutomaior que, tras as obras de reforma e acondicionamento necesarias, abrirase o vindeiro curso aos estudantes a prezos públicos, segundo avanzou o reitor. “Fíxose xa a primeira inspección, orzáronse xa as reformas e estase elaborando a normativa de acceso á residencia para ofertala o próximo curso”, declarou Armesto.
Tanto o reitor como o alcalde e as conselleiras coincidiron en valorar este protocolo como unha “boa noticia” para a universidade e para a cidadanía de Ferrol. “Dispoñer de residencia universitaria a prezos públicos é unha demanda histórica da Universidade na Coruña e en Ferrol e entendemos que vai redundar no ben da propia Universidade e da cidade de Ferrol, nun campus que conta con varias titulacións únicas no Sistema Universitario Galego”, manifestou o reitor. Armesto agradeceu a implicación tanto do Concello de Ferrol como das consellerías para a consecución deste acordo que contempla, ademais, a cesión dun espazo de 59.000 metros cadrados no solo da parcela que ocupa o hospital Nóvoa Santos para a reorganización do campus universitario ferrolán.
Pola súa parte, José Manuel Rey manifestou que este protocolo “acaba con quince anos de plans e proxectos para conseguir unha residencia universitaria na cidade” aínda que asegurou que o acordo é provisional á espera de resolver a cesión do Sánchez Aguilera como ubicación definitiva da residencia universitaria. “Este alcalde garante a ubicación prevista anteriormente a este convenio para o futuro crecemento universitario na cidade”, afirmou.
A conselleira de Traballo e Benestar definiu este convenio como “o compromiso das institucións implicadas na busca da eficiencia cos recursos dos que dispoñemos”. Beatriz Mato lembrou que o centro Soutomaior quedara baleiro ao reorganizarse a atención aos menores nun único centro, o Virxe do Carme, xa que ambos os dous cumprían funcións semellantes e estaban a media ocupación.
Finalmente, a conselleira de Sanidade manifestou que o sistema sanitario, tendo como principal obxectivo prestar asistencia sanitaria, tiña tamén entre as súas funcións colaborar na docencia e na investigación, polo que a cesión do espazo no hospital Nóvoa Santos para estes fins seguía esta liña de colaboración coas universidades.
Ao rematar o acto de firma do protocolo e a preguntas dos xornalistas presentes o reitor reiterou a súa oposición ao endurecemento dos criterios para a concesión das bolsas universitarias proposta polo Ministerio de Educación para o vindeiro curso. “As bolsas están baseadas no principio de igualdade de oportunidades e fanse para paliar as diferenzas económicas”, dixo. Pola contra, Armesto valorou como unha noticia “marabillosa” o anuncio do presidente da Xunta de conxelar as taxas universitarias para o vindeiro curso. “Os tres reitores e a Xunta vimos traballando desde hai máis dun ano neste tema e é unha boa noticia para o Sistema Universitario Galego”, concluíu.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000