A Coruña, 7 de xuño de 2013.- Acaba de editarse por un equipo de investigadores da Universidade da Coruña a publicación “A Rúa da Saúde. Unha solución sanitario-asistencial cara ao hospital 2050 na Coruña”. Un estudo froito do labor desenvolvido ao longo do curso 2011-2012 durante a celebración da primeira edición do Mestrado Universitario en Arquitectura Sanitaria e Asistencial (MuASA). Este consistiu nun exhaustivo proceso de investigación e análise desenvolvida na área de especialización socio-sanitaria da Coruña, organizada territorialmente na zona litoral de Oza-As Xubias. O obxectivo era elaborar un diagnóstico previo para detectar as necesidades que permitan cuantificar e deseñar as medidas a adoptar para esta área.
A metodoloxía empregada tratou desde o inicio de analizar a cidade da Coruña a través dos seus datos xenéricos, o que permitiría situar o ámbito do traballo a desenvolver, así como avaliar a oferta e a demanda existente e a concepción dun estándar urbanístico que axudase aos investigadores a establecer a base de medida nesta relación. Este estudo previo, de análise crítica, revelaría as disfuncións ocultas en canto a repetición, gasto excesivo, mala localización, etc., así como o cuestionamento en base aos datos obtidos do estándar, matizando o resultado en función da calidade, a súa localización, produción ou xestión.
En definitiva, trátase de preparar as bases para o posterior desenvolvemento dun plan no que a arquitectura xoga o papel fundamental. A proposta urbanística resultante desenvolvida polo conxunto do alumnado, con autoría do conxunto dos alumnos, tivo como punto de partida, en primeiro lugar, a relación da “avenida da Saúde” coa cidade e a súa comarca dentro do ámbito de estudo. Tamén se analizaron os sistemas de transporte e a accesibilidade, a estrutura urbanística, o papel da Coruña como referente sanitario-asistencial do norte de España ou o paseo cardio-saudable a partir da unión do Paseo do Burgo co Paseo da Coruña.
Configúrase así unha proposta que racionaliza e ordena o tecido urbano nas marxes da ría, ligando equipamentos viarios e zonas libres nunha secuencia lineal que abarca desde a Ponte da Pasaxe ata o Parque Medicinal de Oza, cunha vocación de enlace directo con todas as áreas da cidade e os municipios próximos, contando co aproveitamento das vías do ferrocarril, a implantación do metro lixeiro e o establecemento de sendas peonís de borde que contribúan, como terapia saudable, mediante a actividade física e de ocio. O coidado no deseño dos espazos, delimitados polo trazado da estrada N-VI, que actualmente aílla e dificulta a conexión do CHUAC co resto das infraestruturas, propón unha secuencia verde como condición de entrega da cidade a unha paisaxe que se reflicte na ría. Consolidaríase así unha das áreas aínda por definir da cidade, outorgándolle un potente simbolismo: a Cidade das Rías é a Cidade da Saúde.
O Mestrado Universitario en Arquitectura Sanitaria e Asistencial está orientado, xa desde a súa primeira edición, cara a unha formación avanzada, de carácter especializado e multidisciplinar, cun ensino profesional no ámbito da arquitectura sanitaria-asistencial, campo que ata a data carecía dun foro educativo concreto en Galicia e dunha ausencia de especialistas na comunidade autónoma que puidesen afrontar este tipo de edificios cualificados como “de alta complexidade”.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000