La UDC crea un Fondo Social para estudiantado con 115.000 euros

A UDC crea un Fondo Social para estudantado con 115.000 euros

A Coruña, 6 de xuño de 2013.- O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, e a vicerreitora de Estudantes, Deportes e Cultura, María José Martínez, anunciaron esta mañá na Reitoría a creación dun Fondo Social para estudantes, dotado con 115.000 euros, para o vindeiro curso.
O Fondo Social, que inclúe medidas económicas e tamén académicas, ten como finalidade facilitar o acceso do alumnado aos estudos superiores así como a consecución dun título universitario nos campus da Coruña e Ferrol. “Tomamos estas medidas porque a situación está mudando, en parte pola situación económica, pero tamén polo endurecemento das condicións académicas para acceder a unha bolsa de estudos do Ministerio”, explicou o reitor, engadindo que “esixirlles máis rendemento académico aos bolseiros non é razoable, as bolsas de estudos son para paliar as diferenzas económicas”.
As liñas de acción deste Fondo Social comezaron xa este curso coa convocatoria no pasado mes de maio de axudas para o estudantado da UDC en situación de dificultade económica sobrevida, e terán continuidade o próximo curso coas seguintes medidas:
• Axudas á matrícula do estudantado en situación económica desfavorable. Esta convocatoria, que se abrirá no mes de setembro, está dotada con 100.000 euros e teranse en conta para a súa adxudicación criterios económicos e tamén académicos.
• Continuidade da convocatoria de Axudas para o estudantado en situación económica sobrevida, dotada con 15.000 euros. Esta axuda estará aberta ao longo de todo o curso e poderán solicitala aqueles estudantes que, nun momento dado, teñan unha situación de urxencia que lles impida abonar a matrícula. Como na anterior, os requisitos serán económicos e académicos.
• Fraccionamento dos pagos de matrícula. A Universidade da Coruña puxo en marcha este curso a ampliación dos prazos de abono da matrícula a catro, pero para o vindeiro curso se ofrecerá esta opción tamén a aqueles alumnos aos que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte lles denegue a concesión da bolsa de estudos, xa que no curso actual en canto se resolve negativamente, o alumnado ten que facer un pago único.
• Norma de desistencia. A Universidade da Coruña redactará unha norma de desistencia para que non se penalice academicamente ao alumnado que ten que abandonar os seus estudos. Deste xeito, se no futuro decide retomalos terá un expediente limpo no que non constarán as materias como non presentadas.
• Axudas para o desprazamento de alumnado para a realización das prácticas curriculares obrigatorias. Esta partida establecerá uns parámetros espaciais para cuantificar as axudas que percibirá cada estudante.
A creación deste Fondo Social de 115.000 euros non supón incremento do orzamento da Universidade da Coruña, cifrado en 119,6 millóns de euros este ano (un 3% menos que en 2012), senón que é o resultado da reorganización doutras partidas e axudas existentes dándolle prioridade a este novo programa que facilite o acceso en igualdade de oportunidades ao alumnado e a consecución dun título universitario, toda vez que para o vindeiro curso se endurecen os requisitos académicos para optar a bolsas de estudo do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Á convocatoria de Axudas ao estudantado en situación económica sobrevida, que se fixo na Universidade da Coruña por primeira vez este mes de maio, presentáronse 29 solicitudes, das que 19 foron resoltas favorablemente, e o resto incumpría os requisitos. O número de alumnos que non pagaron a matrícula o ano pasado foi de 79 e, segundo as estimacións a día de hoxe, este curso esta cifra pode duplicarse. A Universidade da Coruña destina en total a axudas ao estudantado 1,5 millóns de euros do seu orzamento anual, como lembrou esta mañá Armesto quen incidiu en que “o acceso ao ensino e tamén ao ensino superior é un dereito fundamental”.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000