A Coruña, 3 de xuño de 2013.- A Universidade da Coruña organizará en xuño de 2014 o congreso internacional SAM 2014- The eight IEEE Sensor Array and Multichannel Signal Processing Workshop. Trátase do congreso que cada dous anos celebra a comisión técnica Sensor Array and Multichannel (SAM), pertencente á sociedade científica IEEE Signal Processing.
A candidatura da Universidade da Coruña foi presentada ante o comité técnico SAM o pasado 28 de maio en Vancouver, Canadá, por Mónica F. Bugallo, profesora titular da Stony Brook University, USA, e antiga alumna da Universidade da Coruña, e Luis Castedo, catedrático da Facultade de Informática da UDC. Ademais da UDC, concorreu outra candidatura que propoñía que o congreso se celebrase en Washington D.C., e que estaba apoiada pola Office of Naval Research, unha oficina do departamento da Armada dos EEUU, que coordina, executa e promove a ciencia e os programas de tecnoloxía das corporacións da Armada a través de escolas, laboratorios do goberno e ONGs. Finalmente, o comité técnico do SAM decantouse pola candidatura da UDC, encargándolle a organización da oitava edición do seu workshop.
SAM 2014 desenvolverase entre os días 23 e 25 de xuño de 2014 e reunirá na cidade a un número estimado de 150 investigadores de todo o mundo. Haberá seis conferencias plenarias a cargo de relevantes personalidades científicas do ámbito do congreso que aínda están por decidir e oito sesións de poster durante as cales os asistentes poderán expoñer e debater os últimos resultados relacionados coa temática do congreso.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000