O CITIC concorre a cinco proxectos europeos de investigación

A internacionalización, aspecto clave para o Centro


 A presenza en consorcios europeos de I+D+i será unha das claves no crecemento e consolidación do Centro
 E-learning, movilidade ou impulso á economía verde son algúns dos campos destas convocatorias

A Coruña, 03 de xuño de 2013. O CITIC (Centro de Investigacións TIC da Universidade da Coruña) realizou 5 solicitudes a convocatorias europeas de financiamento de proxectos I+D no ámbito TIC nos que participan máis de 60 investigadores das súas 12 áreas de actividade.

Dende o CITIC tense “o convencimento de que a internacionalización é unha das etapas claves para o crecemento e consolidación do CITIC”. De feito, na actualidade xa hai investigadores participando en diferentes proxectos europeos como PROWESS (Property¬based testing of Web services), que busca crear novas ferramentas e métodos para que as empresas de software europeas poidan desenvolver servizos web e aplicacións de internet de mellor calidade. Este proxecto xurdiu tralo éxito obtido noutro proxecto europeo previo: PROTEST: Property-based Testing, o que indica que o CITIC vai consolidando a súa rede de colaboradores internacionais.

Sectores das convocatorias
As cinco convocatorias europeas ás que concorre o CITIC centran as súas investigacións en diferentes campos. Estes son:

• Movilidade: dende a área de actividade de Sistemas de Comunicacións Inalámbricas presentouse unha proposta á convocatoria do 7ª Programa Marco en colaboración con diferentes empresas e entidades de investigación que permitirá o desenvolvemento de novas tecnoloxías para lograr que os actuais estándares de comunicacións móbiles poidan satisfacer os estritos requisitos necesarios para proporcionar servizo a usuarios de gran movilidade como, por exemplo, trens ou avións.

• E-learning: o proxecto que interrelaciona a varias das áreas de actividade do CITIC pretende paliar o desequilibrio entre a oferta de profesionais altamente cualificados e a comunidade empresarial nunha gran parte das rexións da Unión Europea con altas taxas de mozos desempregados. O papel do CITIC dentro deste proxecto será o desenvolvemento da aplicación web a través da que se impartirán os cursos de formación, así como fará de enlace entre o ámbito universitario e o mundo empresarial.
• Economía verde: o proxecto enmárcase dentro do Programa de Cooperación Territorial Interreg-Sudoe e foi desenvolvido por investigadores da área de Computación de Altas Prestacións. O abandono do campo, unido ás escasas precipitacións e altas temperaturas estivais derivadas do cambio climático, orixinan as condicións ideais para incendios forestais. O proxecto pretende impulsar o desenvolvemento da chamada economía verde nos sectores agroalimentario e enerxético, especialmente con actividades en base a terra, en áreas con risco de abandono. O proxecto mellorará a información sobre a aptitude do territorio, sistemas produtivos eficientes e experiencias innovadoras na gobernanza da terra.

• Investigación independente: para rematar, dende a área de Procura e Recuperación de Información presentáronse dúas propostas dirixidas a investigadores novos con talento e alto potencial acreditado mediante un historial profesional prometedor, para que desenvolvan unhas carreiras profesionais independentes e pasen de traballar baixo tutela dun supervisor a ser investigadores independentes por dereito propio.

Sobre o CITIC
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) é un Centro Tecnolóxico impulsado pola Universidade dá Coruña, para fomentar o I+D+i aplicado nas TIC. Supón un punto de encontro entre Universidade e Empresa no que se combinan departamentos de I+D de empresas con investigadores universitarios, constituíndo un entorno mixto que posibilita a colaboración e a transferencia de coñecementos.

Nel traballan máis de 250 investigadores distribuídos en 12 áreas tecnolóxicas de actividade. Entre as súas actividades atópanse a transferencia tecnolóxica e do coñecemento, o desenvolvemento de Proxectos de I+D, a vixilancia tecnolóxica ademais de potenciar a innovación empresarial e a relación Universidade-Empresa.
http://citic-research.org

Para descargar fotos do CITIC: http://citic-research.org/sala_de_prensa/galeria_fotografica
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000