Educación acolle un ciclo de conferencias sobre adopción internacional

A Coruña, 3 de xuño de 2013.- A Facultade de Ciencias da Educación acollerá a partir do 7 de xuño a cuarta edición do ciclo de conferencias Psicoloxía Hoxe, nesta ocasión baixo o lema En torno á adopción. Dado que a adopción internacional é un fenómeno relativamente recente en España, moitos dos feitos diferenciais que caracterizan este colectivo non se coñecen o suficiente, polo que non se teñen en conta á hora da súa incorporación ao sistema educativo. O obxectivo destas conferencias, organizadas polos departamentos de Psicoloxía e Psicoloxía Evolutiva e da Educación, é dar a coñecer como inflúen nas aprendizaxes escolares factores como a malnutrición pre e postnatal, un desenvolvemento neurolóxico inadecuado ou a cantidade e calidade do período de institucionalización. Tamén preténdese ofrecer ferramentas e recursos para xestionar dun xeito máis adecuado todas estas circunstancias na escola.
Esta actividade, subvencionada pola Vicerreitoría de Estudantes, Deportes e Cultura da Universidade da Coruña, celebrarase no salón de graos da citada facultade. A primeira conferencia terá lugar o venres, 7 de xuño, ás 13:00 horas, baixo o título “A escola tropeza coa adopción”, a cargo da experta Margarita Muñiz Aguilar. Xa o día 21 de xuño, tamén ás 13:00 horas, o experto Eduardo Barca falará sobre “Avaliación comprehensiva do neno adoptado: resignificando síntomas”. O resto das conferencias retomaranse o próximo curso, a partir do 9 de setembro.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000