Xornadas sobre investigación urbana na Escola de Arquitectura

A Coruña, 29 de maio de 2013.- A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña celebrará mañá xoves, 30 de maio, e o venres 31 as I Xornadas sobre Investigación Urbana baixo o título Fenómenos concretos en territorios difusos. Este encontro está organizado polo Grupo de Investigación Galicia Cidade e Territorio, co apoio da Vicerreitoría de Estudantes, Deportes e Cultura e o departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo da UDC.
As xornadas abriranse mañá xoves, ás 11:00 horas, coa conferencia do arquitecto e blogger César Losada, e teñen como obxectivo dar coñecer unha serie de prácticas investigadoras que, desde diversas formas de ruptura coa estabilidade dos dualismos clásicos como teoría-práctica, obxetivismo-subxetivismo ou academia-sociedade, achegáronse á cuestión urbana dun xeito tan ilusionante como plenamente científico.
Non se trata polo tanto de investigacións abordadas desde o instrumental e as metodoloxías máis vinculadas ás prácticas urbanísticas como a planificación territorial ou o proxecto urbano, senón de buscas inmersas nas propias derivas personais de cada un dos invitados, entre os que se atopan César Losada, Maurici Pla, Xoán Mosquera e Álvaro Domingues, a través de campos e conceptos como a filosofía, a linguaxe, o activismo ou o ordinario.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000