A Coruña, 28 de maio de 2013.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, informou esta mañá en Consello de Goberno da Universidade da Coruña do protocolo de colaboración coa Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol para a cesión do centro social Soutomaior como residencia universitaria. Torres explicou o contido do protocolo e os pasos dados até o de agora, como a súa aprobación polo Pleno do Concello de Ferrol o pasado 24 de maio, e puntualizou que “non é a residencia definitiva, xa que estamos agardando a que se desbloquee a libre disponibilidade dos edificios do cuartel Sánchez Aguilera, pero que mentres tanto esta é unha boa solución”.
Pola súa parte, o reitor, Xosé Luís Armesto, considerou o acordo como “bo para ir dando os pasos acaídos para ter a residencia definitiva”. Armesto agradeceu publicamente a colaboración de todas as administracións implicadas neste protocolo. O profesor Manuel Reyes García Hurtado (concelleiro de Cultura e Universidade no Concello de Ferrol) agradeceu o espírito de colaboración do equipo de goberno da Universidade da Coruña e remarcou que, sendo un bo acordo era “provisional”. García Hurtado engadiu que desde o Concello seguirán “presionando ao Ministerio de Defensa para que se desbloquee o convenio de cesión do cuartel Sánchez Aguilera para acadar unha solución definitiva”. A preguntas dos membros do Consello de Goberno, a vicerreitora aclarou que a residencia podería ter unhas 38 ou 40 prazas e que estaba contemplado que, polo menos, unha delas estivese adaptada a estudantes con necesidades especiais. Finalmente, engadiu que se constituirá unha comisión mixta de seguimento para o cumprimento do protocolo.
Na sesión desta mañá, aprobouse a oferta de materias de libre elección correspondentes aos planos de estudos antigos (non adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior) similar á do ano pasado. Así mesmo, aprobouse o calendario de admisión e matrícula nos estudos de doutoramento para o vindeiro curso. Deste xeito, tanto o alumnado que accede por primeira vez a este programa como para os que desexen renovar a matrícula terán que presentar a solicitude de admisión ou de renovación no seu caso entre o 9 e o 27 de setembro.
Ademais de aprobarse outros puntos da orde do día de carácter académico, o reitor informou do nomeamento de Xosé Ramón Freixeiro Mato como director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000